Trinta e cinco anos non son nada. Portugal celebra este sábado a chegada da democracia un 25 de abril. O exército saíu ás rúas para rematar coa ditadura salazarista. Ás 0.25 horas Rádio Renascença daba o sinal para o alzamento. A xa mítica canción de José Afonso, Grândola, Vila Morena, foi o cartucho de paz que simbolizaba un cambio de ciclo.
Milleiros de persoas saíron ás rúas de cidades e vilas de Portugal a mostrar a súa solidariedade coas tropas sublevadas. Catro persoas faleceron por disparos da policía política salazarista. Porén, co amencer do día 25 de abril, a ditadura fendía definitivamente. O día é a día de hoxe festividade nacional. O debate continúa. Mentres boa parte da esquerda considera que está esquencida a filosofía inicial da revolución, os sectores máis conservadores aínda manteñen que o 25 de abril non foi un bo día para a historia portuguesa.
Para conmemorar esta data, ofrecémoslle unha entrevista a un dos líderes daquel movemento: Otelo Saraiva de Carvalho. O ex tenente coronel que protagonizou o 25 de abril estivo na redacción de Vieiros hai un ano. Eis aquel encontro:
A celebración do 25 de abril en GalizaEste 25 de abril tamén se conmemora no noso país, con diferentes actos nos centros sociais galegos.
Comezando polo norte, en Ferrol, a
Fundaçom Artábria celebra un xantar portugués con arroz caldoso con polbo e marisco, sobremesa de bola de mazá, té dos Azores, viña, auga, refrescos e café. O prezo é de 12 € para os adultos e 6 € para as crianzas (máis información no 981 352 986). O local social de Boiro, o
Aturuxo, tamén celebra o sábado "o día que mudou Portugal", cunha charla sobre
Os Mártires de Carral, que impartirá Uxío Breogán Diéguez (18h00), e a proxección do filme
Capitães de abril, de Maria de Medeiros (19h30). En Lugo, o
CS Mádia Leva organiza a proxección do filme documental
As armas e o povo (21h30), seguido dunha cea -autoxestionada, xa que cada quen traerá o que queira da casa- con música portuguesa de fondo.
Xa polo sur,
A Revira de Pontevedra comezará a xornada coa proxección do filme
Cinco dias, cinco noites, de José Fonseca (20h00), continuándoa cunha festa portuguesa (22h00), na que haberá unha cea e a música, ao vivo, co portugués Jorge Mirancos. O
CS A Revolta de Vigo, un dos centros sociais decanos do noso país, organiza a actuación musical de Maria Xosé López e unha foliada (22h00). En Ponteareas, o
CS A Baiuca Vermelha celebrará o 35 aniversario da revolución dos cravos cunha cea de balde, ás 22h00, na que se poderá comer boliños de bacallau, caldo verde, tortilla e viño, todo acompañado de música portuguesa. Tamén o sábado en Ourense, os mozos e mozas d'
A Esmorga, que xa levan tres días lembrando o 25 de abril cunhas xornadas, teñen preparada unha palestra con Alba Nogueira, dirixente da Mesa Nacional do
Bloco de Esquerda (20h00), seguida dun concerto (21h30) da banda ourensá Terra Morena. A entrada é de balde.