O congreso extraordinario dos socialistas podería reducir á metade as secretarías que pilotarán a nova executiva.
De dúas ducias de nomes que en 2008 entraron na nova executiva do PSdeG o próximo organigrama dos socialistas galegos podería caer a un esquema de apenas once ou doce nomes, que repartirán as diferentes secretarías temáticas nas que se organiza internamente a executiva do partido.
Á fronte, a candidatura impulsada polo ourensán Manuel Vázquez, principal e se cadra único aspirante a secretario xeral do PSdeG-PSOE, estaría disposta a manter a coruñesa Mar Barcón como secretaria de Organización desta formación política. A anunciada desaparición do cargo de vicesecretario xeral, creado na anterior cita congresual para Ricardo Varela, ex conselleiro e ex secretario de Organización, deixaría reforzada a deputada herculina como nova número dous do partido. Desde o contorno do partido falan dun cambio "importante", cunha renovación de caras "e xeracional" que creará un grupo pequeno e "forte" encargado de pilotar unha "alternativa real de goberno".