Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
TOMÁS DE DIOS, ADESTRADOR DO LOBELLE

"Se rematamos cuartos na liga imos ser un equipo perigoso"

Con cinco xornadas por xogar os composteláns están en condicións de conseguir ter o "factor campo" ao seu favor para as eliminatorias polo título.

Pablo García Martínez - 08:00 24/04/2009
Tomás de Dios

Tomás de Dios

Despois de dous anos no Celta de Vigo e Leis Pontevedra, Tomás de Dios (Bordeos, 1965) volve ao Lobelle para recoller os froitos do traballo que el axudou a sementar anos atrás ao que hoxe é seleccionador estatal, José Venancio. Daquela Tomás era o segundo adestrador e responsábel dunhas categorías inferiores que teñen un peso cada vez maior no éxito do equipo compostelán.

Vieiros: Tiveches que meditar a túa resposta cando che ofreceron volver ao Lobelle, despois de abandonar o equipo dúas tempadas antes?
Tomás de Dios: Eu decidín saír no 2006 de xeito unilateral, porque despois da marcha de Venancio ofrecéronme adestrar ao equipo e consideraba que ese non era o momento para facelo. Cando este ano se me propuxo volver non tiven dúbidas porque a nivel deportivo é como volver á casa. O Lobelle é o lugar onde traballei máis tempo e son un fanático da filosofía que comezou aquí con José Venancio.

Cales consideras as claves do éxito que estades tendo durante esta tempada?

Nós apostamos pola combinación de dous perfís que consideramos compatíbeis e está dándonos excelentes resultados. Por un lado están xogadores veteranos, cun alto nivel de profesionalidade que se achegan en moitos dos casos á cualificación de 'xogadores excelentes'. O outro é xente nova, procedente da canteira, que aporta forza, ilusión e atrevemento. A combinación destes dous modelos estanos dando bos resultados.

Existen posibilidades de que o vindeiro ano desaparezan varios xogadores importantes dentro do equipo comezando por Carlinhos, que xa anunciou a súa marcha. Como pode o Lobelle reaccionar ante estes acontecementos?

Carlinhos é un xogador insustituíbel por unha cuestión de aptitudes técnicas, tácticas, compromiso e tamén implicación. Eu teño claro que esta vai ser a súa mellor temporada na liga e a súa achega ao grupo é inmensa. O Lobelle funciona en base á fórmula grupo, na que o colectivo se adapta ás necesidades de cada momento e cónstame que o club xa está traballando na procura dun substituto para axudar ao grupo a tapar ese baleiro.

Como explicas o crecente peso que teñen no equipo os mozos saídos das categorías inferiores?

Con Venancio creouse unha filosofía na que se labran xogadores e tamén se forman técnicos, e agora chegan os primeiros resultados. Nós temos os mellores técnicos de Galiza a nivel de base e entón os mozos van dando os pasos axeitados até chegar ao primeiro equipo. Dende os 16 ou 17 anos algúns xogadores van tendo a oportunidade de adestrar co primeiro equipo, e como nós temos unha maneira de xogar definida para todas as categorías os que están capacitados vanse integrando no grupo case sen darse conta.

Que papel cumpren no primeiro equipo homes como Vara, Luís, Rubi, Pola ou Palmas?
Estes xogadores son un espello do que aporta o noso capitán, Manu. Ao ser para a maioría deles a primeira tempada competindo ao máximo nivel o normal é que pouco a pouco vaian medrando e ocupando os espazos dos que ocupan a primeira liña de responsabilidade no equipo.

Hai quen comeza a falar do Lobelle como unha alternativa a Inter Movistar, El Pozo e Barcelona. Que pensas ti disto?

Nós agora estamos nunha dinámica positiva que vén dada polo bo traballo que están facendo tanto xogadores como técnicos. Aínda así nós non podemos competir cos tres equipos de arriba (Barcelona, El Pozo e Intel Movistar) porque eles teñen un presuposto cinco veces superior ao noso, son inalcanzábeis. Podemos ter un bo momento e mirar de estiralo, pero non podemos poñernos ao seu nivel.

Con que resultado te conformarías a estas alturas, semanas antes do inicio das eliminatorias?

Ao principio do ano o obxectivo era clasificarnos para a Copa, pero o compromiso deste grupo fixo que eles mesmos se esixiran rematar cuartos na liga. Vai ser difícil, pero se o conseguimos si que imos a ser un equipo perigoso nas eliminatorias polo título.

Vendo o aire fresco que trouxeches ao Lobelle pode levarnos a pensar que estás traballando nun proxecto a longo prazo. Son fundadas estas sospeitas?
En primeiro lugar temos que lembrarnos de que un adestrador vive dos resultados. Eu teño firmado co Lobelle un contrato para esta tempada mais a seguinte, e son unha persoa que cumpre os contratos, pero despois non se sabe o que vai a pasar. Como xa dixen, non só viñemos a crear estrutura de xogadores senón tamén de técnicos e neste sentido eu considero que hai varios adestradores do Lobelle preparados para facerse co mando do equipo.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: