Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
VÍTIMA DUNHA LONGA DOENZA

Finou José Luís Vara, o motor do Dépor dos 80

Este xoves faleceu o que fora capitán e líder daquel Dépor que, de tanto furar, aplanou o camiño para os que ascenderon anos despois.

Redacción - 14:30 23/04/2009

Este xoves faleceu despois dunha longa enfermidade o que fora mítico capitán do Deportivo durante a década dos 80, José Luís Vara Oliveira. Nado en Esteiro o día 5 de outubro do 58, adicouse ao fútbol de xeito profesional durante as case tres décadas nas que o seu corpo llo permitiu.

José Luís Vara chegou ao Deportivo na tempada 78/79 procedente da Sociedade Deportiva Esteirana, que recibiu polo seu traspaso 25.000 pesetas. O equipo comezou aquela tempada adestrado por Enrique Mateos, pero no mes de novembro substituiríao Luís Suárez. Non tardou en coller peso no equipo e converteuse nun habitual nos esquemas de outros adestradores como José Martínez, Luís Rodríguez Vaz, Joseíto ou Arsenio Iglesias.

Sería nesta época cando coincidiu con Jaime Agulló, que o recorda como "o líder do equipo". Agulló lémbrase que "cando cheguei xa era o capitán, un xogador con moito carácter". Non ten dúbida sobre as súas condicións, e afirma que "se quixera, podía ter xogado en calquera equipo de España".

Na mesma liña maniféstase outro compañeiro, Vicente Celeiro, quen di que "foi, sen dúbida, o mellor xogador que lle deu Galiza ao Deportivo nos últimos anos xunto con Fran". Ámbos coinciden na súa capacidade de influencia no equipo. Agulló recorda sobre isto que "cando xogaba el xogaba o equipo" e Celeiro afirma que "era o 10 do equipo, o que dirixía dende a media, e ademais imprimíalle carácter".

Non xogou en primeira de blanquiazul
Malia dar os seus mellores anos de fútbol ao Deportivo, José Luís non conseguiu levar o equipo ao ascenso. Estiveron cerca en varias ocasións pero finalmente tivo que facer as maletas no ano 87 para emigrar ao Betis a cambio de 25 millóns de pesetas. Alí xogou varias tempadas antes de pasar a outros equipos como Orihuela e Granada.

Máis tarde probou sorte como adestrador, pasando por equipos como o Ordes, Bergantiños, Laracha ou Cerceda, no que dou as súas últimas instrucións no ano 2008.


3,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



José Luís co brazalete de capitán, nun equipo do Deportivo dos anos 80 (clic para ampliar)
José Luís co brazalete de capitán, nun equipo do Deportivo dos anos 80 (clic para ampliar)
José Luís Vara nunha imaxe máis recente, no estadio de Riazor
José Luís Vara nunha imaxe máis recente, no estadio de Riazor