A compañía de Celso Parada leva ao Salón Teatro o texto de Berkoff en coprodución con Seiva-Trupe de Porto: "Unha obra para os que teñen medo".
Teatro de Morcego conmemor, no Salón Teatro de Santiago, os seus 20 anos de traxectoria artística, ofrecendo oito representacións de Kvetch: O Rosmón, o último espectáculo da compañía que tutela Celso Parada e no que se aborda un texto de Steven Berkoff, baixo a dirección escénica de Álvaro Lavín e en coprodución con Seiva-Trupe de Porto. As representacións terán lugar os días 23, 24, 25, 26 e 30 de abril e 1, 2 e 3 de maio (xoves, venres e sábados ás 20:30 h. e os domingos, ás 18:00 h.).
A obra conta coa interpretación de grandes nomes da escena do país, como o son o propio Celso Parada, Dorotea Bárcena, Mónica Camaño, Miguel Pernas e Mundo Villalustre.
"Vivimos todos baixo a ameaza da bomba, do cancro, dos axentes canceríxenos, da enfermidade, do paro, da impotencia, do medo ao medo, dos negros, dos brancos, da policía, dos impostos, da declaración da renda, de quedarmos calvos, de engordar, de poñernos feos, de ser parvos, de non ser enxeñosos, de ser tímidos, de preocuparmos por aprender a tocar o piano, do medo ao fracaso, de non causar boa impresión, medo á forza dos demais, a non ter xubilación, á vellez, á morte, á guerra... Esta é unha obra dedicada a todos os que teñen medo". Con estas palabras, o dramaturgo e actor británico Steven Berkoff arrinca a primeira páxina do libro Kvetch (palabra de orixe yiddish: neura, agobio, angustia), punto de partida tamén para a montaxe.
Vinte anos de Morcego
Fundada en Cangas en 1989 polo actor e director Celso Parada e máis por Isabel Ávila, a compañía Teatro do Morcego mantén a súa actividade ininterrompida desde entón. Entre as producións que levou a cabo nestes anos destacan O burgués fidalgo, de Molière; Os vellos non deben de namorarse, de Castelao; A gran ilusión, de Eduardo de Filippo; Morte accidental dun anarquista, de Darío Fo, ou recentemente O club da calceta, de María Reimóndez, entre outras moitas.
Na compañía traballaron e traballan importantes actores galegos como Maxo Barjas, Luísa Merelas, Santi Prego, X. Estévez, X. Carlos Mosquera "Mos", Carlos Blanco, Paco Campos, Miguel Varela, Mundo Villalustre, Gonzalo Uriarte, E. R. Cunha "Tatán", Pepa Barreiro, Casilda García, Sonia Rúa, Salvador del Río, etc.