Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONSELLO DA XUNTA

O Goberno aproba un novo organigrama que reduce o número de altos cargos

As áreas de Deporte, Igualdade e Tecnoloxía van depender directamente do presidente. A Secretaría Xeral de Política Lingüística volve a Educación.

Redacción - 13:35 21/04/2009

O Consello da Xunta deulle luz verde este martes a un novo organigrama do Goberno. Feijoo anunciou que vai reducir un 47% o número de altos cargos para garantir a "austeridade". As direccións xerais pasan de 73 a 61 e os "centros directivos" de 125 a 66.A diferenza de Pérez Touriño, Feijoo vaise desprender da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O novo organigrama devolve este departamento á Consellaría de Educación, tal e como tiña sucedido cos diferentes gobernos de Manuel Fraga. A pesar da "rebaixa" no organigrama, manterá o estatus de Secretaría Xeral e non de Dirección Xeral, tal e como acontecía antes de 2005.



A maiores, a Presidencia asume a Secretaría Xeral para o Deporte -antes integrada como dirección xeral na Consellaría de Cultura-, un cambio que Feijoo xustificou para dar cumprimento á súa intención de conceder "o maior rango" a esta área. En base a este mesmo razoamento, o presidente xestionará directamente a nova Secretaría Xeral de Fomento das Tecnoloxías Informáticas e Comunicación, que se encargará de informatizar a Xunta e promover as novas tecnoloxías.

Tamén, a Secretaría Xeral de Igualdade, a competencia que asume Feijoo da desaparecida Vicepresidencia da Xunta. As únicas direccións xerais que permanecen en Presidencia son a Asesoría Xurídica Xeral, o Gabinete do Presidente e a Dirección Xeral de Comunicación. O presidente da Xunta perfilou o organigrama do Goberno cos seus conselleiros até a medianoite e, respecto aos cambios dixo que, malia ser a Administración "máis pequena" da historia do país, será a "máis coordinada".

A Consellaría de Presidencia, con sete direccións xerais
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contará con sete direccións xerais, entre elas unha que fusionará as anteriores secretarías xerais de Relacións Institucionais e de Relacións Parlamentarias. Tamén coordinará a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (procedente de Presidencia da Xunta), así como as cinco delegacións da Xunta. Porén, o departamento que dirixirá Alfonso Roda perde a Dirección Xeral de Función Pública, que xestionará a titular de Facenda, Marta Fernández Currás, co ánimo de converter aos 90.000 empregados públicas nunha "panca de cambio solidaria contra a crise".

A Consellaría de Vivenda, agora Instituto Galego de Vivenda e Solo
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asume as direccións xerais de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e converte a anterior Consellería de Vivenda no Instituto Galego de Vivenda e Solo. Toda a política de ordenación do territorio queda integrada neste departamento, que tamén asume a maior parte das competencias da antiga Consellería de Medio Ambiente. Así, xestionará Augas de Galicia e crea unha Dirección Xeral de Sustentabilidade e Paisaxe. No entanto, o ente Portos de Galicia pasará a depender da nova Consellería do Mar, que tamén terá todos os departamentos da antiga Pesca.

Medio Rural xestionará a caza, a pesca fluvial e a Rede Natura
Medio Rural incorpora ás súas competencias a Dirección Xeral de Conservación da Natureza (antes en medio Ambiente), competente en caza e pesca fluvial, así como na xestión da Rede Natura e zonas protexidas. Ademais, á Dirección Xeral de Industrias Agropecuarias únese Industrias Forestais, co que o novo Executivo quere mostrar o seu compromiso co sector da madeira.


2,22/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: