Ocupará 300 hectáreas e custará uns 500 millóns de euros. O seu prezo compensarase coa venda da enerxía sobrante a Italia.
O Vaticano proxecta construír a planta solar máis grande de Europa. Ocupará 300 hectáreas e custará 500 millóns de euros. As instalacións estarían situadas en Santa Maria di Galeria, ao noroeste de Roma, onde se atopan as antenas emisoras da Radio Vaticana. A Santa Sé pretende demostrar que a situación de crise económica non debe ser obstáculo para aproveitar as enerxías renovábeis.
O proxecto contradi as intencións do primeiro ministro italiano, Silvio Berlusconi, que tentou bloquear a lexislación europea contra o cambio climático. Pero será Italia quen, no fondo, financie o proxecto vaticano. O pequeno estado católico terá un superávit enerxético que exportará aos seus veciños.
A estación xerará 100 megavatios, suficientes para abastecer 40 mil vivendas, o que supera, con moito, as demandas de Bieito XVI e dos 900 habitantes dun estado de 0,44 quilómetros cadrados. Ademais, esa produción enerxética multiplicará por nove as necesidades de Radio Vaticana, que emite a 35 países de Europa e Asia.
A compañía alemá Solarworld aspira, ademais, a instalar paneis nunha cúpula usara polo papa católico para as súas audiencias semanais, e mesmo comezou a pensar nun papamóbil "verde" eléctrico que substitúa o Mercedes blindado de Bieito XVI.
Na posta ao día dos pecados capitais que o Vaticano efectuou en 2008, incluíuse a contaminación como un dos principais males "sociais".
O Vaticano xa dispón de paneis solares no tellado do auditorio Paulo VI, e a cafetaría do persoal da Santa Sé quécese con enerxía solar.