Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Guerra encuberta na Faixa de Gaza e Cisxordania

Unha ONG acusa a Hamás de asasinar, ás caladas, os seus rivais ideolóxicos

Alén do informe de Human Right Watch, tamén vén de coñecerse da morte dun cidadán palestino a mans de Israel.

Redacción - 08:00 21/04/2009
Imaxe da manifestación na que foi asasinado o mozo palestino Basem abu Rahme

Imaxe da manifestación na que foi asasinado o mozo palestino Basem abu Rahme

Na Faixa de Gaza ou en Cisxordania líbrase, segundo a ONG internacional Human Right Watch (HRW), unha guerra encuberta, na que os arrestos políticos, a intimidación, a tortura, as mutilacións e, nalgúns casos, as execucións extraxudiciais están á orde do día. Segundo HRW, Hamás asasinou, nos primeiros tres meses deste ano, unhas 32 persoas disidentes das súas ideas ou acusados de colaboracionismo con Israel.

Nun seu informe, esta ONG sinala que, alén dos case 1.400 mortos palestinos -e máis de cinco mil feridos-, que se constataron ao terminar o ofensiva israelí en Gaza, o pasado 18 de xaneiro, foron executados, a mans das forzas islamitas de seguridade, outros 18 palestinos, nunha caste de guerra encuberta. A maior parte dos asasinados eran presos, que fuxiron dos cárceres de Gaza após os bombardeos de Israel. Esta organización tamén sinala, apoiándose en datos recollidos en entrevistas con algunhas vítimas e varias ONG locais, que as purgas continuaron, así terminou a ofensiva militar israelí na Faixa. "É difícil determinar se os abusos documentados son o resultado dunha política ordenada polo liderado de Hamás, aínda que o número e a frecuencia destas violacións así o suxire", afirma o informe da organización, que pide aos islamitas que terminen con esta guerra sucia, e localicen os culpábeis. Hamás, de momento, asegura que está a investigar catro dos casos.

Por outra parte, Human Rights Watch tamén denunciou o "aumento das medidas represivas contra membros e simpatizantes de Hamas", a cargo da policía da Autoridade Nacional Palestina (ANP), que dende que os islamitas expulsaron as súas forzas de Gaza en xuño de 2007, reprime toda actividade de Hamas en Cisxordania.

Un vídeo amosa unha nova morte dun palestino a mans de Israel
Porén, alén da loita interna entre os islamitas, segue estando en fronte un inimigo maior. Esta terza feira difundiuse un vídeo que amosa as circunstancias da morte do cidadán palestino Basem abu Rahme, de 29 anos, a pasada sexta feira, por causa do fogo israelí. Rahme participaba nunha protesta contra o muro de separación situado na localidade cisxordana de Bilín.

A filmación, de menos dun minuto, aparece na versión dixital do diario Yediot Aharonot, e foi difundida pola organización israelí de Dereitos Humanos Betselem, dende onde din que aporta datos sobre a morte do palestino na manifestación de pacífica.


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: