Marta Fernández Curras, nova responsábel de Facenda, subliñou a reorientación" dos orzamentos da Xunta avanzada por Feijoo no seu discurso de investidura.
A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, asegurou este luns que "haberá que retocar e reorientar" o presuposto da Xunta que está en vigor, co fin de acomodalo á redución das consellerías, que pasan de trece a dez no novo organigrama, aínda que agoirou que a revisión será de "non moito".
Fernández Currás asegurou, en canto a unha posible redución de entes de administración paralela no seu departamento, que polo momento non está determinada e "estase a pechar a estrutura das consellarías". Entre os seus primeiros obxectivos, apuntou as negociacións para pechar o novo modelo de financiamento autonómico como "un gran reto" e dixo que a súa "idea" é "darlle cumprimento" ás metas fixadas polo novo Goberno e "poñer en valor" o presuposto.
En declaracións aos medios de comunicación tras o traspaso da carteira por parte do seu predecesor, o socialista Xosé Ramón Fernández Antonio, a conselleira mostrouse compracida de tomar o relevo á fronte da nova Consellería de Facenda e considerou "unha honra e unha responsabilidade" ocuparse deste área, que no novo organigrama se disgrega de Economía.
Marta Fernández Currás, que exerceu como interventora xeral durante dous anos co bipartito de socialistas e nacionalistas, precisamente ás ordes de Fernández Antonio, recordou que xa ocupou cargos dentro da administración e expresou que sente "honrada de servir a Galiza" nesta nova etapa na cal se fará cargo de executar a reforma fiscal avanzada por Alberto Núñez Feijoo, así como elaborar os presupostos e controlar o seu gasto baixo a premisa da austeridade.