A páxina da Xunta de Galicia mantén a estrutura de consellarías do bipartito, onde moitos dos seus anteriores responsábeis nos dan a benvida.
Biografía en branco do presidente da Xunta
A toma de posesión do novo Goberno non veu, aínda, acompañada da renovación da súa web. A páxina da Xunta de Galicia segue a reflectir a estrutura do anterior executivo. Só Alberto Núñez Feijoo aparece xa como presidente e ofrécenos o seu saúdo. Porén, a súa biografía continúa en branco.
Seguen a aparecer as antigas 13 consellarías, aínda que, como sinal de que algo se está a renovar por dentro, están en branco os nomes dos conselleiros e das conselleiras. No que respecta ás consellarías con web propia, algunhas manteñen a súa anterior responsábel, como Ánxela Bugallo dentro de Cultura e Deporte ou Fernández Antonio en Economía e Facenda, e outras xa suprimiron o anterior conselleiro, como Innovación e Industria. Tamén Anxo Quintana segue a ser vicepresidente virtual dunha Xunta que xa non ten vicepresidencias.
A reorganización das áreas de Goberno implicará tamén, previsibelmente, a creación de novos subdominios e quizais o rexistro de novos dominios. Non está claro se, finalmente, seguindo coas intencións expresadas por Alberto Núñez Feijoo, se tenderá a homoxeneizar tamén os criterios que segue a Xunta de Galicia á hora de estruturar os seus departamentos ou se seguirá a haber consellarías e direccións xerais dentro de Xunta.es e outras con dominio propio .es, .org. ou .net.