"É unha preocupante declaración de intencións", afirma Carlos Aymerich, voceiro parlamentario do Bloque.
"Supón que a autonomía da administración cando teña que avaliar o impacto ambiental desaparece", criticou Carlos Aymerich ao respecto da macro consellaría que se denominará "Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e que pilotará Agustín Hernández. Na opinión do voceiro parlamentario do BNG a unión de obras públicas e ambiente supón que os criterios ambientais queden "subordinados por completo".
"Sabendo quen vai ser o Conselleiro, isto é tanto como dicir que o medio ambiente queda subordinado aos intereses das grandes empresas", laiouse este domingo Aymerich. Na súa opinión é "unha auténtica provocación e unha declaración de intencións que unha persoa como Agustín Hernández, que alén de ter incumprido a lei de incompatibilidades, carece das condicións mínimas esixíbeis desde un punto de vista ético a un cargo público, ocupe este posto". "É evidente que o novo conselleiro non vai defender os intereses xerais de Galiza, senón os das grandes construtoras", sinalou.
Por outro lado, Aymerich opinou que "un primeiro repaso dos nomes e currículos dos integrantes do novo Goberno, revela o poder do PP español e de Génova na conformación da Xunta de Galicia". Doutra banda, valorou o nacionalista que "saberemos se a redución do número de departamentos é puramente cosmética cando coñezamos a estrutura orgánica completa do Goberno".