Na opinión dos socialistas a promesa de rexeneración democrática "deixou de ser unha prioridade para o PPdeG desde o momento en que rematou a campaña electoral".
"O novo presidente da Xunta realiza con estes nomeamentos caso omiso ás incompatibilidades, o que nos obriga a lamentar que, como sospeitabamos, o concepto de ética esgrimido por Núñez Feijoo teña caducado o pasado 1 de marzo", valoraba este domingo o voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga.
Na opinión de Fernández Leiceaga, a composición do executivo representa o “retorno ao pasado máis conservador”. Di Leiceaga que o presidente da Xunta de Galicia “optou por recuperar os responsábeis dun executivo que quedou atrás” incumprindo así a súa promesa de contar cos mellores e de abrir o executivo á sociedade. "Lamentamos que este novo Goberno represente unha mínima apertura á sociedade”, sinalou, “e na nosa opinión evidencia que a rexeneración democrática xa non é unha prioridade para o PPdeG desde o momento en que rematou a campaña electoral”.