Os titulares de Presidencia, Territorio, Mar e Traballo abandonarán asento no Parlamento, mentres que os de Educación e Economía renunciarán aos do Congreso.
Afonso Rueda, man dereita de Alberto Núñez Feijoo no PPdeG desde case o inicio da etapa de liderado deste no partido, e agora chamado a pilotar a Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, deixará o asento no Parlamento que gañou o pasado 1 de marzo e, previsíbelmente, podería deixar tamén no congreso que o partido celebrará o próximo mes de maio, a secretaría xeral do PPdeG. Un paso que responde á demanda de Núñez Feijoo de plena adicación ás tarefas de goberno dos seus conselleiros.
No mesmo caso están os titulares de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández Fernández de Rojas, quen tamén conseguira escano pola provincia de Pontevedra, e as conselleiras de Mar, Rosa Quintana, e Traballo e Benestar, Beatriz Mato.
Por outro lado, as incompatibilidades estabelecidas por Feijoo tamén apartarán dos escanos que levaban dous anos ocupando en Madrid no Congreso aos novos responsábeis de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e de Economía e Industria, Xavier Guerra.
Feijoo insistía neste punto este mesmo domingo, preguntado ao respecto diante dos micrófonos de Onda Cero, sinalando que non é compatíbel exercer de deputado e de conselleiro ao mesmo tempo e asegurando que ocuparen os dous postos restaríalles tempo para os asuntos ordinarios do Goberno. "É outro dos compromisos de rexeneración democrática que tomamos e que agora temos que cumprir", subliñou.