A espectacular remontada do equipo adestrado por Javier Irureta na tempada 2001-2002 segue abraiando aínda hoxe aos afeccionados ao fútbol.
Imaxe do partido
O partido que enfrontou a Deportivo e Paris Saint Germain na fase de grupos da Champions League 2001-2002 foi elixido na lista dos mellores da historia desta competición polo xornal inglés The Guardian. Este encontro aparece na escolma dos 10 mellores partidos da historia da Champions League, competición que recibe este nome dende o ano 1992 como resultado dunha mudanza no formato da que se chamaba Copa de Europa. Ademais, nesta listaxe está tamén a vitoria por 4-0 que lle zumbou o Depor ao Milán, na tempada 2003-2004.
O encontro correspondía á fase de grupos, na que o Dépor estaba obrigado a gañar para seguir na competición. Os franceses adiantáronse no marcador, chegando a colocarse con 0-3 nos primeiros minutos da segunda parte. A partir dese momento o equipo dos Djalminha, Tristán, Fran, Makaay e, sobre todo, Pandiani, puxo a funcionar o seu potencial no xogo aéreo. En media hora os coruñeses marcaron catro goles (tres de Pandiani e un de Tristán) para remontar e seguir adiante na competición.
A escolma de The Guardian realizouse a raíz do partido de cuartos de final xogado esta semana entre Chelsea e Liverpool. O empate a catro goles e o espectacular xogo que ofreceron os dous equipos abriu un debate no que este xornal apostou por unha das noites máxicas que aínda hoxe Riazor recorda con morriña.