Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
SUSTENTABILIDADE

Un centro de datos de Londres daralles calefacción aos edificios lindeiros

A autoridade metropolitana deulle luz verde á iniciativa de Telehouse West, que aforrará 1.110 toneladas de CO2 ao ano.

Redacción - 12:20 16/04/2009

É ben coñecida a calor que xeran os computadores, e máis as granxas de servidores. Un centro de datos de Londres será pioneiro en reutilizar eses efectos secundarios para un fin útil: servir de calefacción aos fogares e locais da redonda. A autoridade da área metropolitana londiniense xa lle deu luz verde ao plan, que aproveitará a calor sobrante dos novos servidores de Telehouse West, en Docklands.

As instalacións, que estarán rematadas en 2010, ocuparán 130 mil metros cadrados e custarán 136 millóns de euros. A súa produción calorífica estímase en nove megavatios, e o aforro en calefacción calcúlase en 1.110 toneladas de CO2, o que, segundo a compañía, e facendo unha comparación moi británica, equivale a "ferver tres mil teteiras simultánea e permanentemente".

O aproveitamento desa enerxía, até agora desperdiciada, serviulle á empresa para superar os cada vez máis esixentes requirimentos de sustentabilidade. É a primeira iniciativa deste tipo que se pon en marcha no Reino Unido, aínda que xa existen medidas semellantes en Suíza, onde un centro de datos de IBM serve para climatizar unha piscina pública, ou na Universidade de Notre Dame (EUA), que aproveita o seu centro de supercomputación para quecer un invernadoiro municipal.

No ano 2002 formouse a Comisión de Desenvolvemento Sustentábel de Londres, que pretende converter a capital británica nunha "cidade sustentábel exemplar" que aúne crecemento económico, melloras medioambientais e inclusión social.


4,43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: