Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
LEXISLACIÓN RESTRITIVA

YouTube deixa de recibir vídeos de Corea do Sur

O país asiático aprobou unha lei que obriga a facilitar a identidade real ao participar en webs con máis de 100 mil visitantes diarios.

Redacción - 19:15 15/04/2009

O goberno de Corea do Sur, un dos estados con mellores conexións á internet do mundo, acaba de aprobar unha batería de normas que limitarán a liberdade dos internautas. As restricións son tales que Google decidiu desactivar temporalmente a posibilidade de subir vídeos a YouTube dende o estado asiático.

A nova Lei de Ciberdifamación entrou en vigor o día 1 de abril. Por unha banda, o decreto facilítalle ao goberno o trámite de pechar webs "problemáticas"; por outra, obriga a que cada persoa que deixe un comentario ou achegue algún tipo de contido a unha web que teña máis de 100 mil visitantes únicos diarios deba dar o seu nome real.

Este requisito obrigaríalle a YouTube a ofrecer un sistema de rexistro de usuarios específico para Corea do Sur. Actualmente, as principais webs surcoreanas piden o número da seguridade social á hora de rexistrar unha nova conta.

Como adoita acontecer nestes casos, a lei xurdiu como resposta a un feito anecdótico. No ano 2005, unha universitaria foi pillada despois de non limpar os excrementos do seu can na vía pública. Un peón decatouse e publicou fotos dela na rede, o que provocou que a historia se difundise e amplificase, até o punto de que se chegou a descubrir a identidade da muller, que acabou abandonando a facultade e mudando de cidade.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: