Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CANDIDATO A PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

Guillerme Vázquez: "Únennos máis cousas das que nos separan"

Na presentación oficial da candidatura de Alternativa pola Unidade, Vázquez apela ao debate de ideas dentro da organización.

Redacción - 14:35 15/04/2009

"Non me presento contra ninguén nin teño inimigos dentro do BNG". Así de contundente falou Guillerme Vázquez na presentación da súa candidatura á portavoz nacional da formación nacionalista da man de Alternativa pola Unidade. Apoiado por membros do UPG, entre os que se atopaban os conselleiros saíntes Alfredo Suárez Canal e Fernando Blanco, ademais doutros coñecidos integrantes desta formación como Francisco Rodríguez, Ana Pontón, Francisco Jorquera ou Miguel Anxo Fernández Lores, Vázquez apelou unha outra vez ao debate de ideas.

"Está claro que nos unen máis cousas das que nos separan", dixo, ao tempo que considerou esta ocasión "unha oportunidade para o BNG de debater internamente sobre cuestións políticas, e non "sobre as persoas". No seu discurso falou da importancia de adaptarse á nova situación, se ben asegurou que comparte todo o feito polo partido até o de agora: "o que se fixo, fíxose ben, pola decisión maioritaria e colectiva da organización". Aínda así, chamou unha vez máis á autocrítica e atribuíu o descenso electoral á "falta de capacidade de transmitir a boa xestión que se fixo".

Na procura dun BNG reforzado e unido
De entre as súas propostas, adiantou a importancia de traballar para conseguir un partido máis dinámico, no que haxa un maior contacto entre a dirección e a base. "Hai certo desencanto entre a base do nacionalismo, nas eleccións mandáronnos unha mensaxe, pediron outro xeito de proceder", dixo. Neste sentido, apostou por estar a carón da xente e dos seus problemas.

Sobre os posíbeis pactos ou acordos coas outras candidaturas, Vázquez asegurou estar disposto a "manter contactos", e insistiu en que é máis o que une aos militantes nacionalistas que o que os separa. Así, subliñou que esta situación de debate "non é diferente ás que se viven noutras formacións políticas" e asegurou que desta situación o BNG deberá saír "reforzado e unido".


Ligazóns

2,43/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Guillerme Vázquez presentou oficialmente a súa candidatura
Guillerme Vázquez presentou oficialmente a súa candidatura
Vázquez, ao remate da rolda de prensa fala cos compañeiros
Vázquez, ao remate da rolda de prensa fala cos compañeiros
No seu discurso apelou ao "debate de ideas, non de persoas"
No seu discurso apelou ao "debate de ideas, non de persoas"