A presidenta do Parlamento defende flexibilizar as incompatibilidades para que a Cámara "non sexa reduto de profesionais da política".
A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, evocou os cualificativos de "forte, serio e austero", pronunciados por Alberto Núñez Feijoo no seu discurso de investidura deste martes para describir o futuro Goberno, e rexeitou dar pistas sobre os nomes que o integrarán: "O que creo é que será moi profesional, el sempre busca os mellores para cada posto".
Rojo, nunha entrevista na TVG esta cuarta feira, subliñou a vontade de "consenso" expresada por Feijoo, e destacou que "todos" aspiran a que sexa a lexislatura do diálogo e do acordo. Neste senso, opinou que, na actual crise económica, "é un bo momento para dar exemplo, intentar chegar a acordos e arrimar o ombreiro".
Respecto ás críticas da oposición ao discurso do previsíbel futuro xefe do Executivo, enmarcounas nun "momento determinado". "Agardo que logo destes días de debate de investidura sexan tamén responsábeis e tenten que esa man tendida do futuro presidente á oposición poida ser recollida por todos eles", expresou.
Reforma do Regulamento do Parlamento
Por outra banda, a presidenta do Parlamento apostou por flexibilizar o réxime de incompatibilidades dos deputados para "evitar que a Cámara sexa un reduto de profesionais da política que queiran seguir custe o que custe porque non teñen profesións ás que volver ou porque lles sexa moi difícil" reintegrarse nelas.
Este asunto está incluído no Regulamento do Parlamento, cuxa reforma é un dos obxectivos que se fixou Rojo para esta lexislatura, posto que "hai moitas cousas que poden mellorar". Neste punto, puxo o exemplo da deputada popular Amparo González que non puido exercer, na pasada lexislatura, o seu dereito nunha votación, debido a que acababa de dar a luz.