Moi belixerante coa intervención do candidato do PP mostrouse o voceiro do Bloque, quen dixo ver o discurso dun "político conservador" con formas "autoritarias".
"Agardaremos a que faga concrecións e non se refira só a lugares comúns e ideas que calquera podería afirmar", indicou Carlos Aymerich, voceiro do grupo parlamentario do BNG, opinando que Núñez Feijoo fixo este martes un discurso "baleiro" e só coherente "coa campaña xa realizada polo seu partido, onde a verdade non era unha prioridade".
Aymerich censurou por exemplo a chamada de Feijoo a "camiñar todos xuntos" fronte á crise, advertindo que tal tipo de frase non significada nada por si mesma "se non aclara con quen vai estar el". Ao fío, agoirou o voceiro nacionalista que da intervención do líder do PP se extraería a idea de que as grandes empresas terán máis peso nas políticas a deseñar polo novo executivo do que o pequeno e mediano empresariado. Considera Aymerich que Feijoo non asumiu compromisos e só destacou "medidas negativas". Nesa liña criticou as referencias do candidato á revisión do decreto eólico e á anulación ou derrogación de decretos como o do galego, acusándoo de querer dar "marcha atrás" ás "conquistas sociais acadadas durante estes últimos catro anos".