Unhas 1.400 persoas manifestáronse fronte a área de seguridade militarizada marroquí "ao igual que todos os anos", segundo a Fronte.
Marrocos pídelle á ONU que actúe
O Goberno de Marrocos acusou Alxeria esta fin de semana de permitir que centos de persoas afíns á Fronte Polisario cruzasen a fronteira, o que suporía unha violación do cesamento do fogo estabelecido hai 18 anos.
Nunha declaración oficial, o ministerio de Exteriores marroquí asegurou que a entrada de arredor de 1.400 persoas nunha zona militarizada -na rexión en conflito, o Sáhara Occidental- foi posíbel grazas á colaboración das autoridades alxerinas.
"Esta acción, que se iniciou e levou a cabo dende o territorio de Alxeria, confirma a responsabilidade directa deste país na súa preparación e materialización", recolle o comunicado, onde se di ademais que o "incidente procura desestabilizar a dinámica das negociacións".
Neste senso, dende o Goberno marroquí pedíuselle á ONU que "asuma a súa responsabilidade e tome as medidas que correspondan".
Porén, dende a Polisario consideran excesivas as queixas. "Foi unha manifestación pacífica que se fai anualmente fronte ao muro estabelecido por Marrocos no Sáhara Occidental, non en territorio marroquí. O único de novo é que Marrocos esaxera".