O experimentado ciclista de pais galegos abre a tempada cun importante triunfo na carreira disputada en Suráfrica, polo que pasa a liderar o campionato.
Hermida dándolle brasa á súa bicicleta polas corredoiras adiante
O ciclista catalán de orixe galego José Antonio Hermida abriu a tempada do mellor xeito posíbel e gañou a primeira carreira da Copa do Mundo, disputada na cidade sudafricana de Pietermaritzburg, converténdose así no primeiro líder da competición. Alí, o de Puigcerdá impúxose ao francés Julien Absalon, actual campión olímpico e gran dominador desta disciplina nos últimos anos.
Hermida (quinto clasificado da listaxe mundial antes da carreira) controlou a carreira en todo momento e na terceira volta aumentou o ritmo para fuxir acompañado por Absalon e o sudafricano Burry Stander. Este grupo mantívose unido até que na sexta volta Hermida lanzou un ataque feroz que deixou atrás aos seus compañeiros de viaxe. Dende ese momento non baixou o ritmo e adicouse a aumentar a diferenza cos perseguidores, até situala nos 32 segundos.
Despois da carreira o ciclista catalán, que realiza gran parte dos seus adestramentos en Galiza, amosou a súa felicidade afirmando que "fixen unha das mellores carreiras da miña vida e volver a liderar a Copa do Mundo despois de dous anos faime sentir feliz". Sobre o percorrido dixo que "é un circuíto que me gustou moito por ser explosivo e técnico".