Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Despois de decretar o estado de excepción en Bangkok

O primeiro ministro de Tailandia foxe perseguido por ducias de manifestantes

Medio cento de opositores ao goberno tailandés entraron no Ministerio de Interior, e obrigaron a Abhisit Vejajjiva a fuxir entre disparos.

Redacción - 12:00 12/04/2009
Imaxes das protestas, protagonizadas polos 'camisolas vermellas'

Imaxes das protestas, protagonizadas polos 'camisolas vermellas'

O goberno de Tailandia decretou, este domingo, o estado de excepción en Bangkok e a súa contorna, para que as forzas de seguridade poidan controlar as manifestacións contra o propio executivo, que provocaron desordes en varios puntos do país esta semana. O anuncio fíxose nos medios de comunicación públicos, un día despois de que os enfrontamentos entre manifestantes e policías fixesen que se anulase a cimeira da Asociación de Nacións do Sudeste Asiático (ASEAN), que se había desenvolver no sur de Bangkok, na estación de Pattaya.

En pleno estado de emerxencia, os manifestantes obrigan a Vejajjiva a fuxir
Porén, poucas horas despois de que o primeiro ministro tailandés, Abhisit Vejajjiva, anunciase o estado de emerxencia, medio cento de manifestantes ocuparon a sede do Ministerio do Interior, onde este se atopaba, e obrigárono a fuxir, segundo informaron as televisións locais.

O grupo de persoas que irrompeu na sede ministerial non atopou ningunha oposición da policía e os militares que vixiaban o predio. Porén, posteriormente, as forzas de seguridade realizaron varios disparos ao ar para dispersar outro grupo de manifestantes que se estaba a concentrar ás portas do Ministerio. Cando saíu, a fume de carozo, o automóbil oficial do primeiro ministro, algunhas testemuñas presenciais aseguraron que se produciron disparos contra o vehículo, que foron respondidos polo policía. No tiroteo resultaron feridos varios manifestantes e policías, segundo a radio estatal tailandesa.

A pesar de que as televisión locais anunciaron a fuxida de Abhisit Vejajjiva, non se puido confirmar se o primeiro ministro ía no interior do coche oficial no momento no que este abandonaba o Ministerio do Interior.

Os camisolas vermellas seguen tomando as rúas
A pesar do estado de emerxencia, que prohibe as concentracións de máis de cinco persoas nas rúas, os opositores ao goberno de Vejajjiva, ao que acusan de ter chegado ao poder de maneira antidemocrática, seguen desenvolvendo as súas protestas antigobernamentais.

Un dos líderes dos grupos de protesta, Jatuporn Promphan, pediulle aos seus seguidores en todo o país, que se mobilizasen polas rúas, e marchasen cara a capital. Nunha mensaxe emitida nunha radio afín ao ex mandatario Thaksin Shinawatra, Promphan asegurou que o estado de dereito non rexe en Tailandia arestora, e que os camisolas vermellas, como son coñecidos os opositores pola cor das prendas que visten, teñen que botar abaixo o goberno de Vejajjiva.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: