Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓNS NA FUNDACIÓN VILA CASAS

Gálvez e Pladevall, entre o mordaz surrealismo e o diálogo coa natureza

O Espai Volart da Fundació Vila Casas vén de abrir as súas salas a dous artistas distintos e distantes nas formas e nas solucións das pescudas vitais.

Lito Caramés - 11:30 10/04/2009

En plena xestión da crise económica, a Fundació Vila Casas non só continúa as súas actividades, senón que se embarca en novos espazos e novos proxectos na cidade de Barcelona. Agora abrirá Can Framis, antiga fábrica téxtil no barrio de Poblenou, que pasará a ser un museo de arte catalán actual. Referenciamos aquí dúas exposicións sitas no Espai Volart, no centro de Barcelona, e moi recomendables.

Gálvez. La ferida del món.

Antonio Gálvez, nado en Barcelona no 1928, decide marchar da España negra franquista e refuxiarse en París (até 1992, nada menos). Moi apegado ao teatro, pódese dicir que Gálvez é o artista anti-artista. Estivo 19 anos (1973-1992) traballando no proxecto “Esa falsa luz del día” e nunca, nunca pensou en mostrala, vendela, expoñela etc. Facíao para si mesmo, para resistir a tolemia do mundo desde a brutal crítica. Moi amigo de Luís Buñuel, co que traballou e co que colaborou no libro “Una relación circular” (1994), Gálvez usa moito o collage o a fotomontaxe. Con tales técnicas busca mormente a ironía e a crítica alí por onde escoran Goya ou Quevedo. A pesar de que é unha persoa difícil de clasificar (dado que el mesmo non se ten por un artista) as súas obras e composicións entran perfectamente dentro do surrealismo. Pero un surrealismo hispano, preto a Buñuel, xa en Un Chien Andalou, xa na súa visión da España negra.

O Espai Volart presenta unha escolma de obras diversas, pero representativas do seu facer e pensar. En "Erotismo con la ironía quevedesca" predomina a fotomontaxe sobre o collage e mais sobre a pintura. Nas obras desta serie combínanse algunhas das constantes persoais de Gálvez, como a ironía (ás veces mesmo parece retranca negra), o erotismo explícito e crítico e outras das proclamas máis anarquistas. Nalgunhas das pezas xorden curas mirando corpos espidos de mulleres, noutras ridiculízase o patriotismo (Allons enfants de la patrie). No fondo das formas hai lembranzas dun Giorgio de Chirico de cabezas ovais e corpos estilizados e sen faces.

A obra do surrealista De Chirico fundamenta boa parte da súa significación nas longas sombras de edificios e personaxes que habitan os seus territorios oníricos. Dicía De Chirico en 1913 que “hai máis enigmas na sombra dun home que camiña ao sol ca en todas as relixións pasadas, actuais e futuras”. Mais nas fotomontaxes de Gálvez non hai sombras, prescinde de elas. Poida que sexa esta unha das razóns polas que os críticos digan que as visións críticas de Gálvez son máis próximas a Goya e a Buñuel que aos posibles compañeiros de viaxe do movemento surrealista europeo. Segundo dicían algúns escritores latinos, a pintura xurdira en Grecia despois que alguén seguise con carbón a sombra dun home nunha parede. Gálvez non se limita á pintura, vai máis, ao collage e á fotomontaxe. Actualmente hai unha mostra no Museo Thyssen de Madrid sobre esta temática da sombra, que resulta interesante na proposta, pero faltan moitas cousas no medio delas: algúns dos cadros de Bacon que asombran aos visitantes de El Prado.

Tamén se pode ver a serie El Maravilloso Monstruario de París. Neste caso trátase de fotos do que semellan cabezas de bonecas, que non son máis ca unha seriación de retratos de personaxes coñecidos por Gálvez en París. Hai un Dalí, cuns bigotes que, de longos, foxen da imaxe, hai clowns, Marylin, un anxo exterminador (outra volta a querenza e homenaxe por Buñuel), un Quasimodo, un Dartagnan etc.

Visitar esta mostra é un canto á liberdade creadora, á falta absoluta de prexuízos e de límites e convencionalismos. Para rematar unhas verbas do propio Antonio Gálvez: “As miñas obras sempre foron a tradución das miñas vivencias. Facéndoas quixen chegar tan lonxe como puiden e tamén procurei descubrir os mortíferos valores do esqueleto social... Se unha persoa se dedica plenamente á súa obra, ten que ser honrado e honesto...”. Toda unha declaración de principios (ou de guerra?).

Pladevall. Wellcome to the void.

No mesmo Espai Volart da Fundació Vila Casas hai chantada unha escolma de pezas do escultor Enric Pladevall. O título da mostra vén sendo o dunha das pezas que se pode contemplar na Fundació Vila Casas. Pladevall é un artista que combina moito tres elementos: a natureza, a madeira (pódese dicir a proxección manipulada desa natureza) e mais o ferro, como testemuña da artesanía humana. Todo isto é perfectamente presente na composición Tità Cromlech (2000-2001), ou na Estela falç (2005), instalada en Cambrils. Ten feito moita obra pública en prazas de Barcelona e moitas outras cidades e vilas catalás; e así até Corea (Organic Presence, 2001, instalada na cidade de Kwang-ju). Tamén en espazos públicos acostuma facer intervencións un tanto peculiares, como a que fixo na praza principal de Vic, polo San Xoan de 2002: Anell de Foc.

Nas salas do Espai Volart é doado observar o diálogo que Pladevall mantén coa natureza, pero en pequeno formato. É dicir, non se trata de ver grandes obras xa nos espazos naturais, mais si de contemplar as formas elípticas e ovoides que lle son caras á hora de perfilar formas orgánicas, xa cando se trata de definir animais ou formas vexetais, xa cando procura adaptar a humanidade ao reino natural (Venus negre, 2008, por exemplo).

Agora está centrado no seu gran proxecto persoal que é L'Olivar, unha finca de 5 ha. en Ventalló, Alt Ampurdà. Alí vive, traballa e integra as súas obras na natureza que domina os espazos abertos.

EXPOSICIÓNS: Gálvez. La ferida del món e Pladevall. Wellcome to the void.

Fundació Vila Casas
Ausias March, 22

Entrada de balde

Pladevall, até o 18 de abril e Gálvez, até 27 de xuño de 2009.


2,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Espejismo" (Gálvez)
"Espejismo" (Gálvez)
"Los perros de Goya" (Gálvez)
"Los perros de Goya" (Gálvez)
"Mae West" (Gálvez)
"Mae West" (Gálvez)
"Òxid de boira" (Pladevall)
"Òxid de boira" (Pladevall)
"Cingles" (Pladevell)
"Cingles" (Pladevell)