Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións en Alxeria

Bouteflika perfílase como eterno presidente, tras botar unha década no poder

O xefe do Estado alxerino ten cinco rivais na carreira presidencial, mais carecen do seu peso político. Socialistas, laicos e islamitas boicotean uns comicios que tachan de plebiscito.

Redacción - 10:00 09/04/2009
O cadriño desta quinta feira en 'El Watan'

O cadriño desta quinta feira en 'El Watan'

Esta quinta feira están chamados ás urnas, en Alxeria, 20 millóns de electores. Porén, o resultado probábel xa hai tempo que se coñece. Un cadriño que publicaba o xornal alxerino esta cuarta feira El Watan explícao ben. Nel aparece o actual presidente, Abdelaziz Bouteflika, de 72 anos, competindo nunha carreira, na que ninguén deu aínda o sinal de saída, mais el aparece a poucos centímetros da meta. Detrás del, a moita distancia, están colocados os cinco candidatos que son os seus rivais nestas eleccións presidenciais. Este é, con metáfora debuxada, o nivel de competición que hai nuns comicios nos que é ben probábel que Bouteflika chegue ao seu terceiro mandato de cinco anos.

"Que ninguén decida por ti"
A que parece ser a única incógnita nestas eleccións non é nin quen sairá elixido nin con que porcentaxe, senón o índice de participación que se ha rexistrar.

Bouteflika modificou a Constitución e suprimiu o límite de dous mandatos presidenciais de cinco anos, para presentarse por terceira vez, co apoio das formacións, comezando polo antigo partido único, a Fronte de Liberación Nacional. Porén, este seu empeño en perpetuarse no poder, e o temor a que as eleccións estean amañadas, fixo que os partidos da oposición, dos socialdemócratas da Fronte de Forzas Socialistas, até os islamitas moderados, unidos arredor de Abdalá Djaballah, se decidisen a boicotealas. Polo seu lado, o Reagrupamento Constitucional Democrático, unha formación laica, decidiu manifestar o seu rexeite ás maquinacións políticas do presidente colocando crespóns negros nas súas sedes.

Polo seu lado o goberno, mediante mensaxes de móbil coas frases "Non deixes que ninguén decida por ti!" dirixiuse a millóns de cidadáns, animándoos a acudir a votar. No seu empeño en mobilizar o electorado, o Estado mesmo chegou a "ordenarlles aos imáns -todos eles funcionarios- que desempeñen abertamente un papel político", segundo denunciou El Watan.

Reactivando o Plan de Reconciliación Nacional
Dende que Bouteflika chegou ao poder, o seu principal obxectivo foi sacar a flote o país após unha sanguenta década de guerra interna na que se perderon 150 mil vidas. Os islamitas non permitiron que o Plan de Reconciliación Nacional, aprobado en 2005 mediante un referendo, saíse adiante, aínda que nel segue fundamentando as súas esperanzas o presidente para chegar ao poder outros cinco anos máis. Alxeria non está en guerra, pero na loita entre o Estado e os xihaidistas segue a haber vítimas. A outra proba que deberá superar o presidente será a do descontento dun pobo que, pese ao diñeiro que moven as enormes reservas de hidrocarburos, segue sen ver beneficios. Este sector, que representa o 95% das exportacións, cun volume de negocio de 75 millóns de dólares anuais, supón o 60% dos ingresos do país, unha cifra que podería caer considerabelmente este ano.

Bouteflika clama nos seus mitins que el conseguiu a paz, que a imaxe do país mellorou a nivel internacional, que construíu un millón de vivendas, que terminou coa débeda dos agricultores -410 millóns de euros- e que mellorou as infraestruturas; promete un recorte do servizo militar, un aumento das pensións e até do subsidio do paro para todo aquel que solicite un emprego, aínda que nunca traballase na vida, e eleva o seu plan de investimentos a 113 mil millóns de euros. Pero do outro lado ten a unha parte da cidadanía e a unha oposición que pensa que Alxeria conta, hoxe en día, con máis fraquezas que triunfos.

As medidas sociais son máis que necesarias nun país no que o paro ascende ao 11,3%, batendo especialmente na mocidade. De aí que emigrar clandestinamente se teña convertido nunha importante vía de fuxida para os mozos e mozas.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: