O presidente en funcións, Emilio Pérez Touriño, cualifica de grave a actuación do deputado do PP. O aludido insiste en que cumpriu "escrupulosamente a lei". Escoite aquí a reflexión de Touriño:
Complícase o camiño de Agustín Hernández, deputado do PPdeG, cara ao próximo Goberno. Hernández, que veu aparecendo destacado nas quinielas como un dos candidatos a ocupar o sillón da Consellaría de Política Territorial do próximo Goberno, está nos últimos días de actualidade logo de facerse público que foi fichado por unha empresa á que fixera adxudicacións millonarias apenas un par de meses despois de deixar o último goberno de Manuel Fraga. Tal e como publicaba esta mesma semana o diario El País, Hernández realizou unha das adxudicacións en xullo de 2005 co goberno xa en funcións.
O presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño, confirmou este mércores á saída do Consello de Goberno, da apertura dun expediente a Agustín Hernández, na súa calidade de ex director xeral de Obras Públicas, por presunto incumprimento da Lei de Incompatibilidades. Recordou Pérez Touriño que se trata dunha infracción "grave" que pode implicar a inhabilitación para cargos públicos durante tres anos. "Desde o punto de vista, ético, político e xurídico estamos diante dunha conduta de incumprimento e infracción da lei e unha actitude reprochábel", afirmou Touriño ao respecto.