Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
protestas toda a semana

A policía saca a pancadas os anticomunistas que ocupaban o Parlamento en Moldova

Tras a reelección do Partido Comunista o pasado domingo, milleiros de manifestantes botáronse á rúa asegurando que os resultados foron amañados.

Redacción - 09:00 08/04/2009

Os antidisturbios da policía moldova entraron á forza no predio do Parlamento, na capital, Chisinau, e conseguiron conter os manifestantes estudantís que se opoñían á vitoria do Partido Comunista nas eleccións do pasado domingo.

Os manifestantes irromperan esta terza feira na Cámara para saqueala, deitando mobles e computadores polas fiestras, para despois poñerlles lume. Poucas horas despois chegaran tamén á oficina do presidente, Vladimir Voronin, quen denunciou, nunha mensaxe televisada, que era a oposición quen estaba detrás de todos os disturbios, tentando perpetrar un "de golpe de Estado", e asegurou que había protexer Moldova "dunha presada de fascistas embriagados pola ira". Na toma do Parlamento por parte da policía poderían ter sido detidas unha ducia de persoas.

Protestas nas rúas contra a vitoria dos comunistas, considerada "fraudulenta"
Esta terza feira, unhas 10 mil persoas do país máis pobre de Europa saíron ás rúas, por segundo día consecutivo, para se manifestaren contra a vitoria dos comunistas nas urnas, ao considerala froito dunha "fraude electoral", aínda que os observadores internacionais certificaron a súa legalidade. Ao berro de "Abaixo o comunismo", "Mellor estar moto que ser comunista", "Queremos estar en Europa", "Somos romanos", os manifestantes tomaron as rúas da capital de Moldova. Nestes dous días, ducias de persoas resultaron feridas polos enfrontamentos coa policía.

Segundo os resultados oficiais, o Partido Comunista obtivo o 50% dos votos, co que mantén o control da Cámara que, segundo a Constitución moldova, é a que elixe o xefe de Estado. Quedarían con 61 dos 101 escanos, e deberían escoller novo presidente, sen oposición, xa que Voronin non pode encabezar un terceiro mandato.

Porén, para os líderes da protesta estudantil, non é probábel "que un de cada dous cidadáns" votase os comunistas. Así llo asegurou á axencia rusa Interfax un dos organizadores das protestas, Guennadi Brega.

Horas despois de que comezase a toma do Parlamento, as autoridade de Moldova e a oposición acordaron repetir o reconto dos votos para deter as protestas. O acordo foi alcanzado polo presidente Voronin e os líderes dos tres partidos opositores que accederon ao Parlamento: o Partido Liberal (que obtivo o 13% dos votos), o Partido Democrático Liberal (12%) e a Alianza da Nosa Moldova (10%). O presidente debe escollerse antes do 8 de xuño, data após a cal habería que repetir as eleccións.


3/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: