O 3 de abril de 1979 celebráronse os primeiros comicios municipais despois da ditadura. A esquerda e o nacionalismo creceron e gobernaron Vigo, A Coruña e Ferrol.
En 1979 as eleccións municipais facíanse urxentes: a democracia chegara a case todos os ámbitos, máis non ás corporacións locais e ás deputacións provinciais. Mantíñanse no poder os alcaldes nomeados durante a ditadura, ou no mellor dos casos, os que os foran substituíndo a partir de 1977, mais en calquera caso non foran elixidos democraticamente. Ademais, no medio dunha feroz crise económica, en moitas cidades e vilas había necesidades urxentes ás que estas corporacións non lexitimadas polo voto popular non daban resposta.
Ademais, morto Franco (e nalgúns lugares mesmo antes) comezaron a organizarse os veciños a través de asociacións que nestes anos tiveron un papel fundamental, por exemplo en Ferrol ou Vigo. As asociacións foron tamén moi importantes e activas nestes primeiros comicios, sobre todo a través da integración de moitos dos seus líderes nas listas dos partidos de esquerda. Así e todo, nestes comicios déixase sentir por vez primeira o chamado 'desencanto da Transición', cun grande aumento da abstención, sobre todo nas cidades, e por exemplo en Vigo só acudiu a votar o 37% da poboación.
Os resultados das eleccións do 3 de abril debuxaban unha Galiza aínda dominada por UCD, que acadou o goberno de 172 concellos. Pero o gran titular foi o ascenso que experimentaron as forzas de esquerdas e nacionalistas, despois da frustración colleitada nas eleccións xerais que se celebraran un mes antes, nas que a UCD de Suárez confirmara o seu dominio. Lugo, Ourense, Santiago, e Pontevedra tiveron alcalde ucedeo (estas últimas cidades por ben pouco), pero Ferrol, A Coruña e Vigo, as tres grandes áreas industriais do país, caeron do lado da esquerda. Un día despois das eleccións, El País resumía os resultados en Galiza como 'Derrota de la derecha' e situaba a Unidade Galega (a coalición de PSG, POG e PG) como árbitro para decantar do lado da esquerda moitas vilas e cidades.
O primeiro 'Pacto do Hostal'
As negociacións entre as forzas progresistas non foron doadas. UG demandaba que, como reflexo do seu exitoso resultado, debía gobernar cando menos unha cidade entre Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ferrol. O PSOE, mentres, quería trasladar a Galicia o seu modelo de pacto postelectoral co PCE, é dicir, que en cada lugar gobernase a forza de esquerdas máis votada, o que deixaría a UG sen ningunha gran cidade. A presión de UG finalmente xurdiu efecto e o día 17 os partidos de esquerda chegaron a un acordo en Santiago, o chamado 'Pacto do Hostal'. UCD mantiña o seu dominio nas zonas rurais, pero o PSOE facíase con 21 concellos, entre eles Vigo (Manoel Soto) e Ferrol (Xaime Quintanilla); UG situaba a Domingos Merino como o primeiro alcalde nacionalista da Coruña (aínda que unha moción de censura apartouno do goberno en 1981), ademais doutras vilas como Redondela, até un total de dez; o BNPG facíase con nove concellos, como Fene ou Moaña; e o PCG gobernaba tres, como Mugardos e O Grove.
Luis Álvarez Pousa, na súa Crónica do Acontecer, afirmaba: "Mandan os ucedeos, pero menos (...) Porque se ben seguen coas Deputacións provinciais na man, non poden esquecer que trinta e seis axuntamentos teñen maioría de esquerdas. E son dos máis importantes (...) A dereita ten o arrepío no corpo. Velaí por que se agarra a unha concepción tradicional da provincia. A reivindicación nacional galega puidera nun momento dado, cando pasen dous anos de autonomía, pretender o desartellamento das unidades xurídico-políticas chamadas provincias (...) Neste caso, os redutos máis custodiados do caciquismo en Galicia entrarían nunha fase de esfarelamento, debido ao control que o ‘poder galego' exercerá en todo o país, sen divisións provincianas. (...) A dereita non é autonomista porque a autonomía é anticaciquil".
Ademais, Álvarez Pousa salientaba a actitude aberta que tiveran a esquerda e o nacionalismo, "sen que ós do BNPG lles caesen os aneis por ter que negociar cos seus eternos inimigos (PCG), ou cos que consideran os seus por aproximación ó campo de contacto político que eles mesmos ocupan (PG) ou cos que consideran os españoleiros de primeiro grao (PSOE)".
Resultados por cidades
A Coruña: UCD 8; PSOE 6; UG 5; CD 4; PCG 2 BNPG 2
Vigo: UCD 9; PSOE 8; UG 3; PCG 3; CD 3; BNPG 1
Santiago: UCD 10; UG 5; PSOE 3; CD 3; PCG 2; BNPG 2.
Ferrol: PSOE 8; UCD 7; PCG 5; UG 3; CD 2
Lugo: UCD 8; PSOE 4; CD 4; BNPG 2; ind 4
Ourense: UCD 9; PSOE 5; CD 5; PCG 2; BNPG 2; ind 2
Pontevedra: UCD 9; UG 6; PSOE 3; CD 1; PCG 1; BNPG 1, ind 4