Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANÁLISE

Vello goberno en Israel, fin da esperanza

O Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria peneira o escenario que deixaron detrás de si as eleccións do pasado mes de febreiro.

José A. Núñez Villaverde / IECAH - 13:35 04/04/2009
Benjamin Netanyahu

Benjamin Netanyahu

Por moi forte que sexa o desexo de equivocarse, nalgunhas ocasións é fácil acertar cun prognóstico. Tras os resultados das eleccións en Israel do pasado mes de febreiro era máis que previsíbel que Benjamín Netanyahu sería o encargado de formar goberno, como tamén o era que o resultado do seu esforzo por repetir no cargo de primeiro ministro o levaría a conformar unha coalición gobernamental cortopracista e condenada á permanente inestabilidade. Agora, coa aceptación final do partido laborista para incorporarse ao gabinete de Netanyahu- nun sinal máis da súa vocación de suicidio político-, confírmanse os peores agoiros para quen aínda albergue algunha esperanza sobre unha futura paz en Oriente Próximo.

Este negro presaxio baséase, en primeiro lugar, na propia figura do novo xefe de goberno. Netanyahu, como xa demostrou na súa anterior etapa no cargo (1996-99), é un experto en dilatar ad aeternum calquera posible proceso de paz, coa decidida vontade de evitar a urxencia dun Estado palestino viábel. Sen entender que ese empeño non só frustra e desespera aos palestinos, senón que tamén vai en contra dos propios intereses israelís de atopar algún día un acomodo estábel na rexión, o líder do renacido Likud está disposto a marear até o aburrimento a quen pretenda cruzarse no seu camiño. E iso vale tanto para a administración Obama como para o resto dos membros do impotente Cuarteto (Unión Europea, Rusia e ONU), que se contentarán con confirmar que o proceso de diálogo volve abrirse (só nun sentido estritamente formal) coa arruinada figura do rais Mahmud Abbas á fronte dunha Autoridade Palestina nas súas horas máis baixas de popularidade e poder.

Por se quedase algunha dúbida do anterior, non hai máis que ver aos compañeiros de viaxe que decidiron acompañalo nesta nova lexislatura. Avigdor Lieberman (líder do Israel Beitenu e novo ministro de exteriores) é o exemplo máis notorio da falta de vontade para chegar a ningunha solución negociada que dea satisfacción ás mínimas aspiracións palestinas. O seu radio de contaminación racista alcanza non só aos que habitan Gaza, Cisxordania e Xerusalén Este, senón tamén ao 20% da poboación israelí (que teñen, aos seus ollos, o insoportábel defecto de ser palestinos de orixe, o que os converte, por definición, en quintacolumnistas a eliminar).

Nada novo cabe esperar a estas alturas do partido fundamentalista Shah, parásito do poder desde hai moitos anos, na medida en que o seu obxectivo principal é integrarse en calquera gabinete que lle permita manter a súa privilexiada relevancia social e económica en beneficio da súa fiel clientela. Haberá que ver como Bibi vai encaixar e xestionar as tensións que, a recado, se produciran entre os laicos de Israel Beitenu e os radicais relixiosos do Shah. Non é fácil que o seu evidente apego ao poder sexa un seguro a todo risco, cando haxa que debater sobre a repartición de fondos entre diferentes prioridades no medio dunha crise económica que leva afectando á cohesión social israelí dende hai tempo.

Máis deplorable aínda é a decisión do debilitado partido laborista liderado por Ehud Barak- que repetirá como ministro de defensa (coma se a súa xestión da campaña contra Hezbola (verán de 2006) e a máis recente contra Gaza non fosen suficientes para demostrar a súa nula idoneidade para o cargo). Novamente volve repetirse o argumento de que a súa presenza no gabinete servirá para temperar a política dura que cabe esperar de Netanhayu; coma se a experiencia acumulada (con Shimon Peres na mesma tesitura en ocasións anteriores) non mostrase sobradamente que a súa complicidade no goberno só serve para lexitimar as opcións de forza e o desprezo á legalidade internacional, mentres se arroxa ao propio partido ao abismo. Hoxe, o partido laborista é unha sombra espectral do que foi algún día e non cabe descartar unha fractura interna que poña fin á súa historia (dos trece deputados logrados nestas pasadas eleccións, polo menos sete mostraron publicamente a súa decisión de non apoiar a Netanhayu).

O final do proceso de conformación do goberno deixa á formalmente vitoriosa Tzipi Livni como espectadora privilexiada dun proceso no que espera recoller moi pronto os froitos de tanto despropósito como o que agora se prevé a partir do próximo 3 de abril (cando se oficialice o gabinete liderado por Netanyahu). É un trazo habitual da política israelí a escasa duración dos gabinetes ministeriais e a necesaria convocatoria de eleccións anticipadas; xa que logo, esa é a hipótese máis probable a día de hoxe. En todo caso, que caia pronto este goberno (tamén son recorrentes este tipo de previsións, ata antes de que chegue a constituírse) non debe interpretarse como unha boa noticia. Por unha banda, porque convén non esquecer que a situación actual deriva da soberana vontade dos electores israelís- claramente envorcados cara á dereita e extrema dereita do arco político-, e resultaría moi improbábel que a curto prazo se produza un xiro radical nas súas opcións. Por outro lado, porque as posíbeis substitucións, empezando pola propia Livni (que debe a súa pírrica vitoria electoral á súa aposta pola campaña militar contra Gaza), non auguran nada mellor que o que xa temos agora. Hoxe, en Palestina, non hai saída á vista.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: