Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A GALERÍA TERÁ SALAS EN COMPOSTELA E A HABANA

A conexión entre Galiza e Cuba chámase 'Factoría'

Preséntase o 7 de abril na Bienal de Arte da illa. O espazo compostelán, situado na Conga, recupera o espírito da 'Chocolataría'.

M.S.P. - 17:35 02/04/2009

No outono da 2006 A Chocolataría pechaba as súas portas. Facíao cunha exposición titulada 'Habana Factory', que presentaba os traballos de oito artistas cubanos de recoñecido prestixio, como Aimée Garcia e Carlos Garaicoa, amosando a realidade actual da arte contemporánea da illa. Nos quince meses que a sala de Orfas 15 estivo aberta, máis de 125 mil persoas visitaron as 17 exposicións que organizou; nacera como espazo de creación e experimentación, procurando estabelecer un diálogo coa cidade, "un punto de partida ao descoñecido, unha tentativa de suscitar un interese pola arte contemporánea, dende a reflexión e o pensamento, dende a confrontación e o respecto á cultura e a sociedade. Axudar a comprender e valorar o noso dende una óptica internacional; en definitiva, proporcionar unha alternativa a unha cultura institucional que dende hai varios anos semella actuar como mero escaparate de obras e artistas pechando os ollos a unha verdadeira conexión social".

O Proxecto 'Factoría' recupera ese espírito, engadíndolle un interese engadido: a conexión con Cuba e con toda América Latina. Terá dúas sedes, unha en Cuba, na rúa Borrelli, no centro da Habana Vella, e outra en Compostela , nun inmóbel de 1200 metros cadrados na Rúa Conga número 9, unido ao 11 da Rúa Xelmírez (imaxes, á dereita). A directora será Concha Fontenla, responsábel de D´5 Creación Contemporánea, que fóra directora tamén da Chocolataría. Presentaranse o martes 7 de abril no marco da Bienal de Arte da Habana e o centro de Compostela comenzará a súa actividade nos vindeiros meses.

Factoría Habana e Factoría Compostela serán máis un lugar de creación e experimentación que de exposición. Concíbese como espazo de reflexión cultural interdisciplinar, que ademáis pretende converterse en catalizador de iniciativas e inquietudes sociais. Entre estas iniciativas figuran as relacionadas co entorno urbano, así como as de experimentación sensorial e a incidencia das novas tecnoloxías na elaboración e difusión de contidos artístico-culturais. Converteranse, ademais, nun camiño de ida e volta entre Galiza e Cuba coa participación de artistas internacionais, a organización de residencias de artistas, laboratorios de ideas, obradoiros e a produción de proxectos, en solitario ou, sobre todo, en relación con outros centros, galegos, cubanos e de toda Europa e América Latina.

A Bienal da Habana cumpre 25 anos
A Bienal da Habana cumpre 25 anos coa súa décima edición, que reunirá do 27 de marzo ao 30 de abril de 2009, a máis de douscentos artistas de 54 países, nesta ocasión tamén dos Estados Unidos. O título é 'Integración e resistencia na era global', que funciona tamén como eixo central, con proxectos e obras de América Latina e o Caribe, África, Asia e Medio Oriente, e en menor medida de Norteamérica e Europa. Os artistas afondarán a problemática de integrarse nun mundo global altamente complexo, e o xeito en que se trata de resistir as correntes hexemónicas que pelexan por homoxeneizar, dende outros territorios, o repertorio de ideas e formas.


4,92/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Factoría Compostela' instalarase en Conga 9 e Xekmírez 11
'Factoría Compostela' instalarase en Conga 9 e Xekmírez 11
A antiga Chocolataría
A antiga Chocolataría
Imaxes da Bienal de Arte da Habana
Imaxes da Bienal de Arte da Habana