Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crise económica mundial

G-20: 'Os catro xinetes da Apocalipse' percorren Londres

Primeiros disturbios un día antes da cimeira. Obama e Brown lanzan unha "mensaxe de confianza". Sarkozy e Lula exixirán un "mínimo de regulamentación".

Fernando Arrizado - 19:30 01/04/2009

O primeiro ministro británico, Gordon Brown, e o presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, apostaron esta cuarta feira por lanzar unha "mensaxe de confianza" no futuro a pesar da severidade da crise, e amosáronse convencidos de que a cimeira do G-20 que esta quinta feira ten lugar en Londres concluirá cun "acordo global", malia as diferenzas que aínda dividen os países.

Fronte ás imputacións que atribúen aos EUA a orixe da crise, Obama recoñeceu que o seu país fallou na regulamentación, mais aclarou que o resto da comunidade internacional tampouco contaba cos sistemas axeitados de supervisión. "Mais non estou tan interesado en coñecer onde está a fonte do problema como en resolvelo", declarou.


"Falla de responsabilidades"
Pola súa banda, os presidentes de Francia, Nicolas Sarkozy, e de Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, que ao igual que os de EUA e Reino Unido compareceron xuntos, anunciaron que exixirán aprobar unha regulamentación, xa que consideran que a crise actual é consecuencia da falta de instrumentos de control.

O francés dixo que cómpre "un mínimo de regulamentación", tendo en conta o "desastre" que supuxo a súa ausencia. "As turbulencias que estamos a vivir hoxe son consecuencia da falla de gobernanza, da falla de responsabilidades" no sector financeiro, reafirmou Lula


Rusia e EUA: Desarme nuclear

Noutra das reunións que se desenvolveron esta cuarta feira, Obama acordou co seu homólogo ruso, Dimitri Medvedev, reabrir a negociación para reduciren o número de cabezas nucleares de cada país. Trátase das primeiras conversas significativas sobre armamento entre os dous países dende hai 12 anos.


'Os catro xinetes da Apocalipse'

A cimeira ten a súa resposta na rúa. Concretamente no barrio financeiro de Londres, a City, onde miles de manifestantes marcharon detrás dunhas réplicas d'Os catro xinetes da Apocalipse: isto é, os delitos financeiros, a guerra, o cambio climático e a falta de vivenda.

"Estas rúas, as nosas rúas! Estes bancos, os nosos bancos!", berraron os manifestantes, que ademais racharon as fiestras dunha sucursal do Royal Bank of Scotland, un banco que tivo que ser rescatado polo Goberno. A Policía desenvolveu unhas das maiores operacións de seguridade do país para protexer as empresas, o Banco de Inglaterra, a Bolsa e outras institucións financeiras. Houbo unha vintena de detidos.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: