Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CULTURA PUBLÍCAO NO DOG

O barrio de Ferrol Vello encamíñase cara á declaración como BIC

O proceso administrativo pode durar un máximo de 20 meses, pero de xeito provisional o barrio adquire a protección dos Bens de Interese Cultural.

M.S.P. - 18:30 01/04/2009

A Consellaría de Cultura inicia coa súa publicación no D.O.G. o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural coa categoría de conxunto histórico o barrio de Ferrol Vello. Iníciase un procedemento administrativo que debe resolverse nun prazo máximo de 20 meses. Porén, mentres non se resolva o procedemento, o barrio conta de forma provisional co réxime de protección sinalado para os BIC. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural conta coa opinión favorábel á declaración por parte dos tres organismos consultivos aos que se solicitou informe previo: a Universidade de Santiago, a Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario e o Consello da Cultura Galega.

A resolución destaca a "unidade e calidade do trazado medieval aínda presente no barrio". Sinálase que "o chamado hoxe 'barrio' foi no seu día a vila histórica de Ferrol, documentada como tal desde o século XVIII". Na actualidade, aínda que perdeu as arquitecturas medievais primitivas, conserva todo o seu tecido viario orixinal e unha gran parte do seu casarío identifícase coas elementos significativos das vilas mariñeiras. No texto da resolución apúntase así mesmo que "urxe manter e conservar este espazo no mellor estado, porque só a súa existencia, a súa localización no extremo occidental da poboación, o seu rueiro espontáneo e irregular, a súa discreta amplitude e a variada tipoloxía das súas vivendas serven de perfecto contrapunto para valorar tamén a novidade, o racionalismo e o mellor nivel urbano do veciño barrio da Madalena".

Un barrio no que reside a alma de todo Ferrol
Ferrol Vello leva anos resistindo, manténdose no fío do arame da súa degradación e dotándose de continuo de nova vida. A maior parte do mérito correspóndelles aos seus habitantes, e á propia asociación de veciños do barrio, moi activa e combativa. Na zona resistiron abertos bares marabillosos, como o Anca e o Coral, onde se poden atopar as deliciosas parrochiñas ou as linguas de bacallau. As comparacións coa Alfama lisboeta, co Raval barcelonés ou mesmo co Berbés de Vigo son esaxeradas e están fóra de contexto, pero malia ao abandono institucional, o envellecemento dos seus veciños e ao deterioro dos seus espazos, continúa a ser un dos barrios máis singulares da cidade, e nunca deixou de atraer a xente nova.

Ferrol Vello é, en esencia, un barrio mariñeiro, unha das escasas portas da cidade cara ao mar, no peirao de Curuxeiras; unha alma mariñeira visíbel nas vives cores das fachadas escachadas, e nas gamelas que peteiran contra o dique de atraque. O barrio leva anos elevando a súa voz, procurando ser coñecido polo mundo para deixar rexistro da situación de abandono de moitas das súas rúas e prazas, que foron pasando por sucesivos gobernos municipais e autonómicos sen que nin uns nin os outros fixesen até agora gran cousa por recuperalos. Porque recuperar un barrio é moito máis que arranxar unha praza ou unhas cantas fachadas; significa dar novos usos aos lugares, facer que a vida flúa por onde antes o facía.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: