Amnistía Internacional apura o goberno a tomar "medidas rápidas e urxentes" para protexer os dereitos dos pobos que foron botados dos seus asentamentos tradicionais.
As comunidades indíxenas yakye axa e sawhoyamaxa, do Paraguai, están vivindo situacións de pobreza extrema, segundo denuncia a ONG Amnistía Internacional. Ámbalas dúas etnias foron desprazadas dos seus asentamentos tradicionais, e obrigadas a vivir, en precarias condicións, á beira da autoestrada que vai de Pozo Colorado a Concepción, cun subministro irregular de auga e alimentos, e sen a atención médica axeitada.
Segundo esta ONG internacional, ao non "tomar medidas suficientes e rápidas para protexer os dereitos destes pobos", o goberno de Paraguai -que preside Fernando Lugo, da Alianza Partiótica para o Cambio-, está "obrigándoos a vivir na miseria".
Nos anos 2005 e 2006, fronte a esta situación, que cada vez se ía agravando máis, a Corte Interamericana de Dereitos Humanos obrigou as autoridades paraguaias a devolver as súas terras a ámbalas dúas comunidades, fixando como prazo máximo para o facer o 13 de xullo do ano pasado, para a comunidade yakye axa; e o 19 de maio deste ano para a comunidade sawhoyamaxa. A corte ordenou tamén que até que se cumprise a sentenza, Paraguai debíalles proporcionar ás comunidades servizos básicos que asegurasen a súa supervivencia. Porén, segundo constata AI, dende que esta Corte ditou sentenza, perto de 30 membros destas comunidades morreron a causa de enfermidades que se poderían ter curado. Nos últimos catro meses, seis membros dos sawhoyamaxa finaron de diarrea e vómitos, catro deles meniños de menos de dous anos.
"Nestas condicións, corre perigo a supervivencia mesma dos yakye axa e os sawhoyamaxa", sinalou esta semana Louise Finer, investigadora no Paraguai de Amnistía Internacional., mentres presentaba o informe elaborado por esta entidade sobre as comunidades indíxenas neste país sudamericano. "O goberno pode demostrar o seu compromiso cos dereitos dos pobos indíxenas acatando plenamente as decisións da Corte. Estas dúas comunidades xa agardaron de máis", acrecentou a representante de AI. Porén, neste seu informe, dende a ONG internacional recoñecen que o presidente Fernando Lugo xa deu algúns pasos para a protección destes pobos, como a presentación dun proxecto de lei de expropiación das terras que reclaman os yakye axa, e que está á espera da súa aprobación no Congreso.
Os pobos indíxenas en Paraguai
Na actualidade hai uns 108.600 indíxenas neste país latinoamericano, un 1,7% da poboación, aínda que as cifras probabelmente sexa maiores. O dereito ás terras é crucial para estes pobos, xa que é un elemento vital do seu sentido de identidade, o seu principal sustento e a súa forma de vida. Segundo o último censo, o 45% desta poboación non goza da propiedade legal das súas terras.
A Constitución do Paraguai e o dereito internacional recoñecen o dereito dos pobos indíxenas a conservar as súas terras comunais, e exíxelle ao Estado que estas sexan proporcionadas, sen custe ningún. A nivel internacional, ademais, Paraguai aprobou a Declaración das Nacións Unidas sobre os dereitos dos pobos indíxenas.