Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
70 ANOS DA FIN DA GUERRA CIVIL

Parte de Paz: O exército sublevado foi derrotado

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica realizou un acto simbólico e pediu a retirada a Fraga da distinción de 'fillo adoptivo' da Coruña.

Redacción - 09:00 01/04/2009


'Parte de Paz' lido polo xornalista Antón Luaces


"O exército sublevado foi derrotado. Nos próximos días pasarán a arresto domiciliario, antes de proceder a un xuízo popular sumarísimo, por crimes contra a humanidade, os principais responsables da sublevación militar contra o Goberno lexítimo da República: Francisco Franco, Sanjurjo, Mola, Gómez Zamalloa, Cánovas Lacruz, Millán Astray e outros...". Así comeza o 'Parte de Paz' que Manuel Monge, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, leu este martes na Rúa Real da cidade, para lembrar o setenta aniversario do final da guerra civil, o 1 de abril de 1939.

Aquel día o exército nacional difundiu un 'Parte de Guerra' no que anunciaba a súa vitoria. A CRMH dálle a volta á derrota e neste 1 de abril celebra o denominado 'ano da dignidade', o acordo unánime do Grupo de Expertos que aprobou, por unanimidade, proporlle ao concello da Coruña a retirada de máis de 55 símbolos franquistas, entre eles o cambio de 24 rúas. A CRMH conclúe que "A Coruña xa non é a capital da simboloxía franquista".

O manifesto salienta que "esta vitoria da dignidade, da xustiza e da democracia, non sería posible sen a importante mobilización cívica que protagonizou a cidadanía nos últimos anos, vencendo determinadas resistencias que non só negaban a existencia da simboloxía franquista, senón que preconizaban unha vergoñenta política de tolerancia co franquismo".

Porén, o texto vai máis aló da celebración do logro acadado e reclama que se complete o acto de dignificación con, entre outras medidas, a retirada a Manuel Fraga, ministro da ditadura, da distinción de 'fillo adoptivo' da cidade, concedida en 1968. Temén reclama a retirada do escudo fascista da entrada principal do palacio municipal de María Pita, "ilegal dende 1981"; de igual xeito pide a que a rúa Disciplina, en Montealto, volva chamarse 'Rúa Liberdade', no barrio de Monte Alto; e que mude o nome da Rúa Calvo Sotelo.

O 'Parte de Paz' (.pdf)


4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Viaduto do Generalísimo', unha das rúas que mudarán o seu nome
'Viaduto do Generalísimo', unha das rúas que mudarán o seu nome
Cartaz editado pola CRMH
Cartaz editado pola CRMH