A capital da ría de Arousa aspirará a representar á eurorrexión Galiza-Norte de Portugal ben individualmente ben nunha candidatura conxunta. Vídeo no interior.
Vilagarcía podería converterse na segunda capital cultural do Eixo Atlántico. Na actualidade, o protagonismo correspóndelle á portuguesa Vilanova de Gaia, que exerce a capitalidade dende que comezase este 2009 e até o 2010. Os principais actos desenvolveranse este verán cando, a modo de Expo, a cidade portuguesa se converterá nun punto físico de relación e de unión dende onde se proxectará a idea de cultura común galego-portuguesa a todo o mundo.
Esta distinción bianual que recalou de primeira volta na beira portuguesa valorou "a fantástica programación cultural da vila e a ligazón que mantén tanto coas cámaras portuguesas como coas galegas". Daquela, xa se falara da intención de Vilagarcía de optar á capitalidade, mais finalmente renunciou por falla de orzamento. Agora, cando unha cidade galega do Eixo teña que dar o relevo, o posicionamento de Vilagarcía semella máis rotundo e aspirará a converterse na primeira vila galega en liderar a eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.
Con todo, aínda non está definida a candidatura nin se teñen dado grandes pasos cara este obxectivo. Segundo explica o edil de cultura do municipio, Xosé Castro Ratón, "valorarase a posibilidade de presentarse de forma individual ou conxuntamente con algún dos grandes concellos de proximidade". Pola parte galega, conforman o Eixo Atlántico: A Coruña, O Carballiño, Carballo, Ferrol, Lalín, Lugo, Monforte, O Barco de Valdeorras, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Sarria, Ribeira, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Viveiro.
Vídeo: o edil de Cultura de Gaia convídanos aos actos da capitalidade. O seu homólogo en Vilagarcía adiántanos que quere tomar o relevo da capital cultural