Nas súas xuntanzas con dirixentes comarcais, o candidato á Secretaría Xeral promete contar máis co partido á hora de tomar decisións.
O principal fallo do anterior secretario xeral foi non ter máis en conta o partido. Esa é a reflexión que está a trasladar Manuel Vázquez aos dirixentes comarcais do PSdeG. O candidato a substituír a Emilio Pérez Touriño leva días percorrendo o país para explicar os seus plans de futuro e recabar o apoio das bases de cara o congreso extraordinario fixado para finais de abril.
O Partido Socialista precisa un maior traballo organizativo para ter máis arraigo a nivel local. Para Vázquez é preciso comezar a traballar xa coas agrupacións para conformar equipos sólidos que poidan mellorar os resultados nos vindeiros comicios municipais (2011). Para o aínda conselleiro de Medio Ambiente, ter máis peso nos concellos é o paso fundamental para poder poñer contra as cordas a Feijoo e recuperar a Xunta en 2013. Vázquez tamén está a prometer unha renovación xeracional na Executiva, algo que el mesmo recoñece que non vai ser doado.
Máis PSdeG e defender a normalización da lingua
O PSdeG ten que acentuar o seu autonomismo fronte ao PSOE. Para Vázquez, sempre e cando as urnas o referenden, para Ferraz non debería ser un problema o carácter propio dos socialistas galegos. Como exemplo, sinalan o caso do PSC ou do PSE, que presiden xa Cataluña e Euskadi.
O do Carballiño defende internamente que a normalización do galego non é un problema e que o PSdeG ten o deber de “promocionar” o uso da lingua propia do país en todos os ámbitos. Aínda así, Vázquez considera que o bipartito tivo un fallo á hora de explicar as súas políticas, o que fixo que callara a mensaxe da “imposición lingüística”.