Volveu mostrar o seu apoio aos represaliados no Masacre de Atenco, en 2006, logo de enfrontamentos entre campesiños e Policía.
Manu Chao, no festival de Guadalajara
O goberno de México investiga o artista Manu Chao por opinar sobre temas de política interna durante o festival de cine de Guadalajara, algo prohibido polas leis locais para os estranxeiros e que podería terminar coa súa expulsión do país, onde aínda estaba esta quinta feira.
Chao cualificou de "terrorismo de Estado" a represión producida na vila de Atenco, onde enfrontamentos entre campesiños e policías en 2006 remataron con varias persoas mortas e outras moitas feridas e encarceradas. Algúns axentes foron acusados de violacións dos dereitos humanos, mais resultaron exonerados.
"Estase a facer unha investigación a Manu Chao para saber que foi o que pasou, que dixo e en que contexto. Habería unha sanción, dependendo do resultado", sinalaron fontes da Secretaría de Gobernación (ministerio do Interior).
O ex integrante do grupo Mano Negra, oriundo da Galiza, afirmou en conferencia de prensa que escribira unha carta de apoio a Ignacio del Valle, un líder da esquerda detido durante o operativo de Atenco. O músico e outros activistas aseguran que Del Valle está preso inxustamente.
Expulsión inmediata
No pasado, o goberno mexicano xa expulsou cidadáns estranxeiros que apoiaban grupos rebeldes como o Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN), acusándoos de violar o artigo 33 da Constitución.
Este artigo estabelece que "o Executivo da Unión terá a facultade exclusiva de facer abandonar o territorio nacional, inmediatamente e sen necesidade de xuízo previo, todo estranxeiro do cal a súa permanencia xulgue inconveniente". "Os estranxeiros non poderán, de ningún xeito, inmiscirse nos asuntos políticos do país", agrega.