Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
ESTIVERON AS TRES UNIVERSIDADES

Pousa os libros unha miga, que hoxe toca nadar

Vieiros estivo no campionato galego de natación organizado este mércores na piscina universitaria de Compostela.

Vídeo: Isabel G. Couso / Texto: Pablo García Martínez - 17:20 25/03/2009

Malia que deporte e mocidade son dúas palabras moi amigas de se asociar, o certo é que o sedentarismo que corroe dende hai lustros os nosos hábitos de vida está producindo cada vez máis fendas neste matrimonio. Dende as administracións e as entidades que planifican o deporte tratan continuamente de reflotar a idea da práctica deportiva como un medio para acadar saúde, a través de dúas versións: entretemento ou competición.

Precisamente a natación é un bo exemplo dunha leira na que hai moito por sachar, xa que é o segundo deporte máis practicado do país (só superado por aquela porcentaxe de persoas que corren ou camiñan) cun 13´2% de practicantes entre a poboación total galega. Ademais, o espectro de poboación no que se atopa un maior número de nadadores é o que vai dos 5 aos 14 anos, polo que agora queda un traballo crucial por diante: impedir que estas persoas perdan o hábito da natación e incluso, de ser posíbel, aumentar o número de practicantes.

O campionato universitario de natación celebrado este mércores na piscina universitaria de Compostela xuntou alí a uns cincuenta mozos e mozas chegados da universidades de Vigo, Compostela e Coruña. Na súa segunda edición, o campionato segue medrando e incluíu dúas novas categorías como son as de persoal docente ou persoal administrativo dos centros; e a categoría de persoas con discapacidades.

Este torneo está adicado a mozos e mozas cun alto nivel competitivo, polo que non é xusto establecelo como un medio para prender a novos practicantes, mais hai que saber ver que os nadadores que se achegaron este mércores a Compostela deron un importante exemplo: deixaron claro que, aínda na idade onde máis escasas se nos fan as 24 horas das que dispón o día sempre podemos rapinar unha miga para sacar proveito da nosa xuventude e investir así en saúde pensando no presente e tamén no futuro.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Video: Vieiros achegouse a palpar o ambiente na xornada deportiva dos Campionatos Universitarios

Algúns momentos da competición
Algúns momentos da competición