Os 120 telecentros adscritos ás deputacións fomentarán o uso de máis de 700 trámites electrónicos a través da internet.
Un plan posto en marcha polo goberno español promoverá o uso da administración electrónica no medio rural. A campaña está organizada polos ministerios de Industria e Administracións Públicas a través dos 120 telecentros que existen en Galiza.
O programa pretende fomentar que a cidadanía que reside en áreas rurais faga uso dos servizos de administración electrónica do portal 060.es. A iniciativa presentárona este martes na Coruña a subdirectora xeral adxunta de Innovación e Programas de Atención á Cidadanía, Eloísa Paredes, o voceiro de Red.es Rafael Chávarri, e o delegado do goberno español en Galiza, Manuel Ameijeiras.
Segundo o delegado, xa se poden realizar por vía telemática máis de 700 trámites da administración española. Ademais, 060.es permite acceder a máis de 1.200 servizos sen necesidade de se ter que desprazar fisicamente ás sedes administrativas. Ademais, a web tamén inclúe ligazóns a servizos prestados pola Xunta, como a solicitude de cita médica ou as listas de espera cirúrxicas.
Eloísa Paredes anunciou que o portal se vai renovar a finais de ano para ofrecer unha páxina "máis dinamizadora e próxima á cidadanía". Pola súa banda, Chávarri dixo que os 120 telecentros adheridos ao programa contarán con 45 dinamizadores que lle axudarán á cidadanía a facer uso da administración electrónica. Asegurou que 36 mil persoas fan uso actualmente destes telecentros, que contan co apoio das deputacións provinciais.