Non contan con ningún departamento dedicado a esta área, segundo sinalan dende a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA).
Logo da Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA)
A semana pasada a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) desenvolvía un seminario con xornalistas, para analizar o tratamento de informacións relacionadas co medio e o desenvolvemento sustentábel nos seus medios. Neste concluíuse que, en xeral, as radios, televisións, medios electrónicos e xornais do noso país danlle as costas ao medio.
Pois agora sabemos que algo parecido acontece nos concellos, xa que, segundo a SGEA, o 75% das administracións locais de Galiza que participaron nun seu estudo, carecen dun departamento ou área dedicada á Educación Ambiental, mentres que o 51,9% non conta co persoal técnico dedicado a este tema.
Estes datos coñecéronse nun seminario de traballo que se desenvolveu no Centro de Extensión Universitaria, Información e Documentación Ambiental (CEIDA), en Oleiros, coa participación dos e das técnicas municipais con competencias en medio ambiente e Educación Ambiental. A información despréndese dun traballo desenvolvido pola SGEA hai cousa de dous anos, no que se debullou a necesidade de artellar espazos nos que compartir experiencias e recursos para dar resposta ás necesidades identificadas e poder, ao mesmo tempo, contribuír á formación dos técnicos ambientais dos concellos.
Segundo a SGEA, as administracións municipais están chamadas a xogar un papel fundamental, non só como promotores ou xestores de propostas educativo-ambientais dirixidas ao conxunto da súa poboación, senón tamén como axencias educativas destinatarias desas accións e favorecedoras directas da implicación e participación da cidadanía nas súas políticas ambientais, mais hoxe en día, cando asistimos a un incremento da demanda deste tipo de actividades por parte da cidadanía. Porén, e a pesar dos déficits que se constataron, a cantidade de actividades desenvolvidas neste tempo polos concellos é "considerabelmente elevada", segundo a SGEA, que destaca as campañas de información, os roteiros didácticos en contornas naturais e as conferencias e charlas de temáticas ambientais.