Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RÉPLICA

Caride acusa a Feijoo de inaugurar obras en terreos sen expropiar no anterior cambio de Goberno

A conselleira de Política Territorial en funcións retrucou as acusacións de adxudicar obras 'in extremis'. O PPdeG négao.

Redacción - 17:35 24/03/2009
María Xosé Caride

María Xosé Caride

A conselleira de Política Territorial en funcións, María Xosé Caride, respondeu ás críticas do PPdeG e asegurou que Alberto Núñez Feijoo "colocou primeiras pedras en terreos que non estaban expropiados" e que "asinou convenios por máis de 12 millóns de euros o día que o Goberno bipartito tomaba posesión".

A conselleira saínte tachou as actuacións do ex-conselleiro de "lamentábeis" e engadiu que "cando chegamos á consellaría tivemos que iniciar as expropiacións de terreos onde Feijoo colocou primeiras pedras". Tamén amosou a súa "sorpresa" polas críticas dos populares: "Un día que a Xunta está parada e non fai nada e ao día seguinte, se a Xunta fai algo, tamén protestan".

Caride asegurou que se está a seguir o procedemento que marca a Lei de Contratos e que se están a cumprir os prazos e que "tería que dar explicacións" de non seguilos. No referente aos gastos criticados polo secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, dixo que "non ten nin idea de como funciona a tramitación administrativa" e que as partidas xa foron autorizadas "regulamentariamente hai meses".

Infraestruturas cara a Noia

María Xosé Caride defendeu a variante interior de Noia, defendida polo Goberno saínte e desbotada polo do PPdeG, porque "vertebra mellor o territorio" e non limita "as posibilidades futuras de desenvolvemento da ría". Aínda así, recoñeceu que será o goberno de Feijoo o que "tome a decisión que crea conveniente".

Na súa visita ás obras de construción do tramo entre Brión e Martelo do corredor Brión-Noia, Caride anunciou que "seguirá representando as máis de 500 mil persoas que apoiaron e confiaron no PSdeG" como deputada pola circunscrición de Pontevedra.

Contrarréplica do PPdeG

O deputado do PPdeG Agustín Hernández asegurou que Núñez Feijoo non adxudicou "nin un só euro" de obras públicas cando foi vicepresidente en funcións e acusou a María Xosé Caride de "desviar a atención". Deste xeito, volveu insistir na idea de que a conselleira pretende "baleirar deliberadamente a caixa" para "hipotecar" o futuro Goberno.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: