Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
INFORME DO CONSELLO DA CULTURA

Seis de cada dez galegos non leron libro ningún no último ano

O 95% ve a televisión habitualmente, o 51% escoita a radio varias veces por semana e o 54% le o xornal cando menos un día de cada sete.

Redacción - 18:00 24/03/2009

O Consello da Cultura Galega presentou este martes o Mapa de Equipamentos Culturais de Galicia, unha aplicación web que permite buscas por equipamento, localización e servizos, e o informe Ocio e Hábitos Culturais dos Galegos, elaborado en colaboración coa Consellería de Cultura e Deporte e o Instituto Galego de Estatística.

Dos datos extráense moitas conclusións sobre o uso que fan os cidadáns dos produtos e dos espazos culturais, en función da idade e do lugar de residencia dos entrevistados. Por exemplo, sobre a lectura e o uso das bibliotecas públicas en Galiza; o 59% dos galegos non leu ningún libro no último ano, unha porcentaxe que é maior entre os homes (64%) ca nas mulleres (53%), mellores lectoras. A proporción de persoas que non le nunca crece a medida que aumenta a idade; así, entre os 5 e os 14 anos, sete de cada dez enquisados leu algún libro nos últimos doce meses, e esa proporción descende radicalmente nos maiores de 50 anos, entre os que menos da cuarta parte leu algún libro no último ano.

Unha proporción moi alta de galegos, case o 66%, non entrou en ningunha biblioteca no último ano. Os datos non varían en función do lugar de residencia dos entrevistados, e son igualmente altos nas zonas rurais e urbanas. En cambio, por idades, de novo son os mozos e mozas os que acoden maioritariamente ás bibliotecas. O setenta por cento dos menores de 14 anos fixeron uso das bibliotecas no último ano; entre os 15 e os 29 anos a proporción descende até o 51%, de 30 a 49 anos até o 23%, e nos maiores de 50 anos apenas o 15% visitaron as bibliotecas.

A xente consume máis medios de comunicación ca libros, cando menos máis televisión, seguida habitualmente polo 95% dos galegos, que ven unha media de dúas horas e trinta e catro minutos ao día, cantidade que é menor nos máis novos e roza as tres horas nos maiores de 50 anos. De igual xeito, catro de cada dez galegos escoita a radio a diario, e ao redor dun 51% faino con frecuencia; apenas un 34% asegura non escoitar a radio 'nunca'.

En canto á prensa escrita, un 54% dos galegos le o xornal cando menos unha vez por semana. A proporción é maior na provincia da Coruña (59%) e Pontevedra (57%), e descende en Lugo (46%) e Ourense (44%).

O mapa dos espazos da cultura galega
O Mapa de Equipamentos Culturais de Galicia é unha representación gráfica dunha operación censal de equipamentos e infraestruturas culturais no territorio galego. A información está dirixida principalmente a programadores culturais, promotores e artistas pero resulta tamén de utilidade para o público en xeral. As buscas permiten localizar palacios de exposicións e congresos, aulas, salas de reunións, seminarios, salas de ensaio e obradoiros, arquivos, museos, centros de interpretación, galerías de arte, salas de exposicións, salóns polivalentes ou de usos múltiples, cines, auditorios, centros culturais e centros sociais, entre outros. Aparecen tamén as súas características máis relevantes, como o aforo, superficie, existencia de determinados servizos como acceso a internet sen fíos, amplificación de son ou proxector de vídeo, por exemplo.


4,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: