A curtametraxe 'Adeus Edrada?', do actor e director Rubén Riós, seleccionada para a sétima edición do certame, en Gibara (Holguín).
Fotograma do filme
Despois de 'procesionar' por case unha trintena de festivais nacionais e internacionais, converténdose nunha das curtas de máis proxección do audiovisual galego, Adeus Edrada?, do actor e director Rubén Riós, segue a obter recoñecementos.
A produción (Mestre Mateo 2008), que basea o seu argumento na lenda da Santa Compaña, foi seleccionada esta semana para participar no Festival Internacional de Cine Pobre, organizado anualmente na localidade de Gibara (Holguín), no noroeste de Cuba.
"Para min e para o equipo desta curta ver como Edrada (aldea do Concello de Vilariño de Couso onde foi rodada) chega a tantos sitios da xeografía española, como traspasa fronteiras é moito máis que un recoñecendo a un traballo -afirma Riós-, para nós e conseguir que aldeas coma Edrada non sexan esquecidas, é facelas imperecedoiras. É pór o noso grao de area pola memoria do que significan para Galiza".
Fonte inesgotábel de historias
Neste senso, o cineasta (que adoptou o apelido do seu concello de orixe, en Verín) confesa que "o éxito de Adeus Edrada? supuxo a visibilización dunha realidade preocupante e a reivindicación dos nosos costumes e tradicións. Foi moi especial para todos, porque todos sentimos que era moito máis que unha curta, era unha mensaxe".
Riós, a piques de estrear en Ourense o seu segundo proxecto, Coser e Cantar, no que participaron actores de primeira liña e no que fala con honestidade dos efectos da represión franquista no noso país, sinala: "Para min facer cine é unha forma de dicirlle ao mundo que Galiza é unha fonte inesgotábel de historias únicas e máxicas".