Os efectos da crise global fanse sentir en África onde, advirten, se non hai unha atención especial, abrollarán novos puntos de conflito e violencia.
O exemplo de Zambia, onde medio millón de traballadores perderon en pouco tempo o emprego co que mantiñan as familias despois de paralizarse a actividade nas minas de carbón. O pau sufrido polos labregos tanzanos cando o prezo do algodón caeu á metade do seu valor... Son casos concretos de como a crise económica global bate de xeito específico sobre as economías africanas, xa de por si febles fronte a calquera movemento.
A situación foi subliñada este luns por Donald Kaberuska, presidente do Banco Africano de Desenvolvemento, quen cualificou de "emerxencia" o risco de colapso económico no continente africano. Kaberuska aproveitou a cita en Londres de representantes políticos de diversos países africanos co primeiro ministro británico, Gordon Brown, coa fin de que o problema estea na mesa da cimeira que o grupo de países industrializados, G20, celebrará o próximo mes de abril.
A redución dos ingresos a través de turismo ou o propio recorte detectado no envío de cartos que os traballadores emigrados lles fan a súas familias están xa axudando a afogar as economías africanas. Entre as voces que máis urxiron ao estabelecemento de compromisos concretos por parte dos países máis ricos está a de Ellen Johnson-Sirelaf, presidenta de Liberia, quen avisou do risco de caos e violencia na zona e recomendou inxectar axuda mentres sexa posíbel, recordando que será ao cambo menos custoso que o "envío e mantemento de forzas de paz" unha vez que os conflitos estoupen.
Recomendámoslles ampliar na BBC.