Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENQUISA TIC

Os fogares galegos converxen no uso das novas tecnoloxías

Segundo un informe do Observatorio da Sociedade da Información, máis da metade da poboación fai uso da internet.

M. del Río - 17:45 16/03/2009
Carbonell, Veiguela e Legerén, na presentación da Guía de Salarios

Carbonell, Veiguela e Legerén, na presentación da Guía de Salarios

O Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI) publicou este luns a súa terceira Enquisa á poboación sobre a Sociedade da Información en Galiza. O estudo analiza o equipamento e o uso das novas tecnoloxías que se fai nos fogares do país. Entre os datos máis salientábeis está o feito de que o 62,3% da poboación dispón de computador no fogar a finais de 2008, sete puntos máis ca no ano anterior. Iso supón unha converxencia coa media do Estado Español, que está no 63,6%.

Tamén medrou a penetración da internet nos fogares: nun ano pasou do 30,2% ao 41%. Supuxo, entón, un crecemento relativo de máis do 35%, máis do dobre do estatal. Outro incremento importante foi o de conexións de banda larga: do 23,1% ao 35%. O ADSL segue a ser a modalidade máis habitual, mentres que máis da metade das conexións superan os dous megas de velocidade de transmisión de datos.

No que se refire ao uso de novas tecnoloxías, o 55,3% da poboación usou un computador no último trimestre e algo máis do 50% fixo o mesmo coa internet. Os incrementos tamén son elevados con respecto ao ano 2007: de 7,6 e de oito puntos, respectivamente.

A frecuencia de acceso tamén aumentou. Así, máis do 85% dos internautas accederon á rede, cando menos, unha vez á semana. Máis do 50%, a diario. Porén, segue a existir fenda dixital segundo o ámbito xeográfico ou os niveis socioeconómicos. A máis ampla dase por nivel académico: acceden á rede o 15,4% das persoas con estudos primarios fronte ao 97,2% das universitarias.

O estudo pódese consultar e descargar na web do OGSI.

Guía de salarios TIC
Por outra banda, este luns tamén se presentou na Galería Sargadelos de Compostela a Guía referencial dos salarios do sector TIC en Galicia, a primeira destas características que se publica no país. No acto participaron a directora xeral en funcións de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela; a presidenta da Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as novas Tecnoloxías (Eganet), Beatriz Legerén; e o responsábel de Proxectos da Consultora Vitae, Marcos Carbonell.

Veiguela repasou o feito polo Goberno durante os últimos catro anos no eido de desenvolvemento do sector das Tecnoloxías da Información, como o feito de crear o Clúster TIC, único das súas características que conta con empresas, asociacións e colexios profesionais no seu seo. Tamén amosou a súa satisfacción polos resultados das enquisas TIC, que parecen prognosticar que se cumprirán as previsións do PEGSI de converxer co Estado Español no ano 2010, ou mesmo superalas.

Veiguela salientou que a Guía serve de referencia sobre os salarios do sector. O traballo efectuouse sobre 120 profesionais contratados no ano 2008 de xeito indefinido, o que garante que os datos que ofrece sexan duradeiros.

Marcos Carbonell destacou que hai diferenzas importantes entre as empresas que facturan máis de 12 millóns ao ano, onde os salarios son máis homoxéneos, e as de menor entidade, que valoran máis certos postos segundo as súas necesidades estratéxicas. Ademais, detectou que existen perfís profesionais onde é máis difícil atopar profesionais, principalmente no eido comercial e no de técnicos cualificados.

En calquera caso, o estudo non atopou diferenzas salariais entre homes e mulleres. Estas últimas representaron arredor do 40% das contratacións no ano 2008. Ademais, Carbonell recalcou que o sector TIC non ten paro.

Finalmente, Beatriz Legerén dixo que, coa publicación deste informe, as pequenas e medianas empresas terán a posibilidade de acceder a unha información útil que lles permitirá competir fronte ao trasvasamento de capital ás grandes empresas.


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: