Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os días 9 e 10 de maio

O PPdeG cítase para maio a un congreso para "reforzar e sumar"

"O partido é imprescindíbel", subliña Núñez Feijoo. "Gañamos porque estivemos unidos e espertos", avalía.

Redacción - 21:15 12/03/2009

"As eleccións non se deciden en quince días", advertiulle este xoves a militantes e simpatizantes o líder do PPdeG. Alberto Núñez Feijoo insistiu en que a vitoria conseguida o pasado 1 de marzo polo seu partido é froito dun "esforzo de catro anos". Só iso explicaría, na súa opinión, o que definiu de triunfo "histórico e indiscutíbel". De xeito especial, felicitouse pola capacidade amosada polo PPdeG para frear a tendencia á baixa que iniciara a formación en 2001. "Gañamos porque estivemos unidos e espertos", afirmou.

Así e todo, e á hora de marcar cita congresual para a fin de semana dos días 9 e 10 de maio, Feijoo chamou os seus a non caeren en "euforias" e estaren "á altura das circunstancias". Foi así como recomendou "autocrítica" tamén no momento da vitoria, advertindo contra a tentación de "caer na autocompracencia". Nesa liña, apuntou que sería un "erro" pensar que "unha vez no Goberno xa non fai falta partido". "O partido é imprescindíbel", teimou, reclamándolle aos populares mantérense activos nas "claves" que lles outorgaron o éxito o 1M.

Ao respecto, analizou Feijoo que o PPdeG realizou desde 2005 unha transición "modélica" que achegou "renovación" e "unidade" para o partido. "Soubemos diverxer, pero estivemos sempre unidos no esencial", resumiu. De xeito concreto agradeceu primeiro a "xenerosidade" dos máis veteranos da formación e destacou en segundo lugar o "pulo" inxectado polas novas incorporacións. Como terceiro factor salientou que o éxito sae da capacidade de "estar na rúa, á beira da xente" e defendeu que o PP realizou estes anos unha oposición "leal e responsábel" que configurou o partido como "alternativa".

"Seguir, sumar e gañar", resumiu Alberto Núñez Feijoo como obxectivos do PPdeG para o congreso que o partido celebrará os próximos 9 e 10 de maio, recordando o propio lema da cita congresual onde el mesmo tomou o temón relevando a Manuel Fraga á fronte da formación política.


1/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: