Os europarlamentarios cren que os casinos na internet poden causar problemas "de orde pública e social".
O Parlamento Europeo rexeitou este martes crear un mercado único para as apostas na internet. Por 544 votos contra 36 apoiou un informe non vinculante do europarlamentario socialista danés Christel Schaldemose.
O documento pídelles aos estados membros que cheguen a unha solución política aos problemas xerados polos casinos online, e que a Comisión Europea poida efectuar investigacións sobre o sector, sen crear unha nova lexislación única. Segundo o informe, os estados da UE poderían unificar límites de idade, restricións á publicidade ou a introdución de tarxetas prepago de venda en quioscos que eviten que malgasten os cartos diante dos computadores.
Pero consideran que unha nova lexislación que force os países a abrirse ás apostas na internet baixo certas condicións non é "apropiada", debido á preocupación dos estados membros en aspectos "de orde pública e social e de sanidade", dunha industria "moi sensíbel".
O texto do parlamento pinta un panorama preocupante deste tipo de casinos dixitais como unha ferramenta potencial do crime potenciado e de ameaza á infancia, que pode agora acceder á rede mediante os móbiles ou as consolas. "O xogo online dálles máis oportunidades ás prácticas corruptas, como a fraude, os cárteles das apostas ilegais e o lavado de cartos, pois este tipo de xogos poden ser montados e desmontados con moita rapidez como resultado da proliferación de operadores do exterior".
Porén, asociacións como a Asociación de Xogo Remoto (XGA) atacaron o documento do Schaldemose, asegurando que é en realidade un xeito de potenciar os monopolios estatais de xogo dos países da UE. Nos últimos tres anos, a Comisión Europea abreu procedementos de infracción relacionados coas apostas online contra 10 estados.