O BNG critica que Fomento siga escusándose nas "dificultades da zona" mentres na práctica mantén o proxecto freado.
Xosé Manuel Pérez Bouza, senador do BNG
"A este ritmo é imposíbel que o tren de alta velocidade chegue a Galiza en 2012", subliña Xosé Manuel Pérez Bouza, senador do BNG, despois da resposta este martes da ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, na Cámara Alta. "Se a redacción do proxecto xa supera con creces os dous anos, cunha importante demora, que podemos agardar da duración das obras, nunha zona de elevada complexidade orográfica e técnica?", láiase Pérez Bouza.
En resposta a unha pregunta do senador nacionalista, a ministra informou de que os proxectos dos dous subtramos Lubián-Vilavella e Vilavella-Vilariño, pertencentes á liña do TAV Ourense-Lubián, atópanse "aínda en fase de redacción" por parte da Dirección Xeral de Ferrocarrís. Ao fío da resposta, o senador galego denunciou a "parsimonia" do goberno español con esta obra e recordou que a redacción dos dous proxectos fora licitada hai xa dous anos e tres meses. Na opinión de Pérez Bouza, a este ritmo, "é totalmente imposíbel que o goberno español cumpra a súa promesa de que o TAV chegue a Galiza en 2012".