Os actuais presidentes das deputacións d'A Coruña e Lugo serán os probábeis baróns nas respectivas provincias. Vázquez decidirá o relevo en Ourense e a loita será forte en Pontevedra.
Tal e como adiantara Vieiros hai case un ano, Salvador Fernández Moreda é o máximo aspirante na loita na circunscrición clave d'A Coruña para o liderado dos socialistas. O presidente da Deputación leva tempo acumulando apoios e despregando diplomacias a nivel comarcal para garantir o apoio á súa candidatura no congreso provincial do partido. A propia comarca da Coruña, e as de Compostela e Costa da Morte foron os núcleos principais de impulso á candidatura de Moreda, que chegará por esta vía á executiva do PSdeG-PSOE. Moreda relevaría así a Moisés Rei como secretario provincial e pilotaría a estrutura do PSOE coruñés na nova etapa onde as baronías provinciais están chamadas a ter grande protagonismo.
O ascenso de Moreda será unha das principais novidades na evolución que os socialistas aseguran estar conducindo cara a unha estrutura de partido "forte" que debera estar lista para para as vindeiras eleccións municipais. Deste xeito, o primeiro chanzo será o congreso extraordinario do próximo 25 de abril, de onde sairá unha renovada executiva e o propio substituto de Emilio Pérez Touriño á fronte da formación. Un posto para o que xa se debuxa con claridade o consenso arredor da figura de Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente saínte que conta xa con avais clave para o liderado alén da propia provincia de Ourense. A partir de aí, os socialistas encarreirarán unha reforma de estruturas orgánicas máis ambiciosa, que incluirá a celebración de congresos provinciais á volta do verán, chanzo previo á conformación de estratexias no ámbito provincial e comarcal máis ambiciosas.
Nese proceso bastante clara semella tamén o ascenso do actual presidente da Deputación de Lugo, o concelleiro lugués Xosé Ramón Gómez Besteiro, quen relevaría a Luís Ángel Lago Lage no liderado provincial, nun ámbito territorial onde así e todo segue chamado a ter protagonismo fundamental o actual vicesecretario xeral do PSdeG, Ricardo Varela. Besteiro dará o paso formal de candidatarse no momento en que teña a plena confianza de dirección e bases da formación.
No caso de Ourense, parece claro que o propio Manuel Vázquez será quen condicione o ascenso desde o seu contorno máis próximo dunha persoa da súa confianza ao liderado provincial, sempre no caso de que se confirme o seu propio salto á secretaría xeral do partido. Máis complicada será a loita de Pontevedra, onde non está claro se Modesto Pose conseguirá os avais necesarios para optar, agora vía congreso, á pilotaxe provincial, xa que á súa sombra abrolla nomes diversos, entre outros o de Antón Louro, actual deputado no Congreso.