EUA presionou para a adopción da medida, e pide colaborar "en áreas de interese común, incluído axudar o pobo de Afganistán".
Scheffer e Clinton, esta quinta
Os ministros de Asuntos Exteriores da OTAN chegaron esta quinta feira en Bruxelas a un acordo para anovar os contactos formais con Rusia, suspendidos o verán pasado polo conflito no Cáucaso.
Daquelas, a Alianza censurara o "uso desproporcionado da forza" contra Xeorxia por parte de Moscova, e o posterior recoñecemento das rexións separatistas de Osetia do Sur e Abkhazia.
O secretario xeral da OTAN, Jaap de Hoop Scheffer, anunciou a decisión logo de que Lituania retirase as súas obxeccións. Os contactos, a nivel ministerial, retomaranse "cando sexa posíbel logo da xuntanza de abril", afirmou.
EUA precisa de Rusia en Afganistán
"A decisión é un paso na dirección correcta", sinalou un voceiro do departamento de Exteriores ruso, informan as axencias internacionais. A responsábel estadounidense do departamento homólogo, Hillary Clinton, fixo valer o seu peso a favor.
Dúas condicións sobre a mesa: debe ficar aberta a porta da Alianza para Xeorxia e Ucraína, algo que rexeita firmemente Moscova, e cómpre colaborar "en áreas de interese común, incluído axudar o pobo de Afganistán", expuxo Clinton.