Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
KUKAS CELEBRA O SEU ANIVERSARIO

Trinta anos facendo monicreques

Representará unha obra para nenos o mércores e o xoves e outra para adultos o venres e o sábado no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

M.S.P. - 09:00 04/03/2009

Kukas naceu a finais dos anos setenta. Era 1979 e a por todo o país agormaban iniciativas cativas pero ilusionadas, no medio dun deserto cultural. Non había institucións que pulasen pola cultura, e eran os esforzos de persoas como Marcelino de Santiago, Kukas, ou de asociacións, os que cosían ese tecido. "O desenvolvemento artístico da miña xeración produciuse a trancas e barrancas, entre a improvisación e a aprendizaxe autodidacta, cunha linguaxe que estabamos a inventar aos poucos", di Kukas. Cumpría renovar todo, tamén o teatro, e tamén o teatro de marionetas.

Case dun xeito improvisado, en apenas cinco días Isabel Rey e Marcelino de Santiago idearon unha representación de marionetas para a Feira do Queixo de Arzúa. Estes poetas de alma de bululú puxeron en escana a súa primeira obra: Fabanola e o televexo, o inicio dun camiño que os levou por ducias de espectáculos distintos, en Galiza e fóra do país, con moitos tipos de monicreques distintos: de luvas, de variñas, de fíos... Pirula do vertedeiro, O colar de Marica, A rúa das Balconadas, Canonxo, Mariscal, Unha noite no pórtico do Paraíso, Galiza Máxica, Don Gaiferos, Anxélica no ombral do ceio, O retablo do maese Pedro, Historias dun papel, Adubíos, Cucarandainas, Xan Trapallas, Contos do vento acatarrado, O cantar da Cantaruxa..., son títulos que contan unha parte da historia do teatro galego.

Isabel Rey e Marcelino de Santiago reivindican un teatro de marionetas "que teña algo detrás". "Os monicreques son monecos que fan teatro; se non se moven son só monecos". E entre todas as sensacións que lles provoca o teatro quedan con unha: "ese momento máxico no que o público só ve o moneco, non ven a persoa que está detrás; de algo concreto créase algo abstracto". Para o futuro Kukas pon como obxectivo contar cun espazo de seu en Compostela para amosar os materiais e documentos que compoñen a memoria dos seus trinta anos de historia, algo así como un 'museo dos monicreques'.

As representacións desta semana
Un agasallo para Xaquín, unha obra para o público infantil, pero non só, é un espectáculo creado a proposta do Instituto Galego de Consumo que conta a historia de Xaquín, un neno consumista e caprichoso que só se alimentaba de larpeiradas; a obra ten como obxectivo loitar contra a obesidade infantil e promover os hábitos alimenticios saudábeis. Representarase no Teatro Principal de Santiago o mércores e o xoves ás seis e media da tarde.

Pola súa banda, 7 Contos Capitais (Historias para pícaros adultos), retoma os sete pecados capitais, representados polas marionetas do 'Centro Traumático Galego Gaiteiro de Monicreques', rematando cunha homenaxe a Curros Enríquez. A obra poderáse ver o venres e o sábado, no mesmo escenario, a partir das nove da noite.


4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: